O portal de emprego e oportunidades do rural galego

Unha rede de coworkings pioneira en Galicia

Interior do Green Coworking da Deputación Provincial da Coruña ubicado nas Pontes

Hoxe falámosvos da Rede Provincial de Coworkings da Deputación da Coruña, un proxecto que se poñía en marcha no ano 2016 dentro do Plan de Emprego Local do organismo provincial coruñés. Foi e é, en palabras de Sofía Sanesteban, técnica de xestión deste proxecto, “a aposta polo emprego máis grande da historia da Deputación da Coruña”, xa que esta administración pasou de investir un millón de euros en materia de emprego e fomento do emprendemento a multiplicar por 10 este investimento. Este Plan de Emprego Local artéllase en cinco grandes liñas de actuación e a segunda delas é a que se corresponde co fomento do emprendemento. Dentro deste capítulo enmárcase a Rede Provincial de Coworkings, que a día de hoxe xa conta con 11 espazos, colabora con 63 proxectos e acolle a 84 coworkers.

Interior das instalacións do Coworking da Pobra do Caramiñal

Esta rede foi pioneira e é, polo momento, única en Galicia, xa que non se basea unicamente en ofrecer unha oficina onde traballar varias persoas, senón que tamén organiza obradoiros colaborativos de transformación ou seminarios de formación, entre outras iniciativas.

Aposta polo rural

O proxecto ten unha serie de características fundamentais. A primeira delas é que unha rede eminentemente rural. Dos 11 espazos que a compoñen, 9 deles están localizados en concellos de menos de 20.000 habitantes e dous deles en municipios de menos de 2.000. “É unha clara aposta por reter a xuventude e a mocidade do rural, darlle unha oportunidade de autoemprego e facer que se xeren novas empresas que xurdan destes coworkings e se creen novos postos de traballo”, sinala Sofía Sanesteban.

Especialización

A segunda peculiaridade é que buscan a especialización por sectores. Isto significa que os espazos que se adhiren están especializados nalgún sector estratéxico da súa contorna. A intención é que estas oficinas non sexan un caixón de xastre no que se reúna un grupo de traballadores sen ningún tipo de conexión entre eles, senón que buscan que se xeren sinerxias e fomentar un traballo colaborativo desde o primeiro momento no que, mesmo se un coworker non pode asumir certa carga de traballo, poida pasarlle o cliente a un compañeiro co que comparte espazo.

Interior do coworking de A Capela

Outra das cuestións importantes é que prestar un servizo supramunicipal é un requisito indispensable para pasar a formar parte desta rede, xa que buscan que a rede non se dirixa só aos empadroados do municipio no que está o posible novo coworking, senón que poidan acoller tamén a persoas doutros lugares e así non só se fixe a poboación, senón que tamén axude a que aumente.

Como unirse á Rede?

O xeito de unirse á Rede é relativamente sinxelo. Habitualmente son concellos, pero tamén poden ser todo tipo de entidades sen ánimo de lucro os que presentan un local propio que lles gustaría destinar a un espazo de traballo colaborativo ou outro tipo de actividade xa en funcionamento, como pode ser un pequeno viveiro de empresas, e fanlle unha proposta formal á Deputación da Coruña para adherirse co obxectivo de que colaboren na dinamización e coordinación deste novo centro. A partir de aí, reúnense representantes técnicos tanto da administración local como da provincial e avalían e estudan a viabilidade da iniciativa, dándolle finalmente validez ou non.

Unha vez aceptada a solicitude, a Deputación tamén colabora co financiamento do novo coworking e ademais faino cunha implicación importante. “A axuda é forte porque a Deputación pon entre o 70 ou o 80% do custo, xa sexa a través da obra, asistencias técnicas ou mobiliario a cambio de que cumpran unha serie de requisitos como ser un espazo completamente accesible para todo o mundo, que na sinaléctica se vexa claro que é un espazo que forma parte da Rede Provincial e outro protocolo extenso de cuestións que teñen que cumprir”, explica Sanesteban.

Xerar oportunidades

A aposta principal por esta Rede de Coworkings foi “xerar oportunidades de emprego no rural e estimular o emprendemento para que a mocidade non teña que emigrar”, relata. Entenden que en moitas ocasións os novos emprendedores se atopan con barreiras que fan que non poidan desenvolver totalmente o seu proxecto, comezando por ter dificultades para asumir o custo do alugueiro dunha oficina. E poñen un exemplo real. “Imaxina que tes un excedente agrícola. De boas a primeiras ao mellor só podes transformalo para autoconsumo, pero se preto da túa casa tes un lugar no que o podes transformar, onde podes facer cursos fitosanitarios, etiquetar o que produces e alguén che vai axudar a comercializalo, ao mellor xa non tes que irte do lugar no que vives”, explica Sofía Sanesteban.

Maquinaria do Centro Comarcal de Desenvolvemento Rural A Fusquenlla, en Moeche
Vantaxes e servizos

Esta Rede conta cunha serie de vantaxes para os coworkers que traballan desde algún dos seus once centros. “Ofréceselle asesoramento a potenciais coworkers porque en todos os centros hai unha asistencia técnica que recibe a todos estes novos emprendedores que ao mellor non saben ben cara onde se queren dirixir. E tamén hai asesoramento externo contratado pola Deputación”, expón María José Coira, outra das técnicas desta rede.

Outra das axudas que ofrecen é no tema de posibles problemas burocráticos que poidan xurdir e que a veces son difíciles de resolver polo que mesmo ofrecen axudas de ata 30.000 euros sen necesidade de avais.

Visa, Campus e Blog

Ademais contan coa ‘Coworking Visa’, unha ferramenta que permite aos membros activos dun coworking utilizar outros espazos en todo o mundo de xeito totalmente gratuíto durante un período determinado de días (xeralmente tres). En cada espazo que se desexe visitar hai unhas condicións que se deben revisar con antelación. Así mesmo contan cunha ferramenta igual que funciona dentro da Rede Provincial e coa que buscan facilitar a mobilidade de coworkers entre os seus espazos de traballo e que estes se poidan poñer en contacto con outros coworkings de maneira áxil e sen necesidade de verificar a súa pertenza á mesma, senón que xa é algo automático.

Do mesmo xeito, contan cun Campus virtual, que é un espazo compartido e de coñecemento da Rede, aberto tanto aos membros da mesma como a participantes dos eventos que se celebran nos diferentes coworkings. A súa función é facilitar o acceso a contidos formativos e a algúns dos eventos en directo ou diferido levados a cabo nos distintos espazos da Rede. “Todo o mundo se especializa nun sector, pero o emprendemento non é un compartimento estanco e ao mellor nos atopamos con formacións que nos veñen ben. Ese é o obxectivo do campus, favorecer a formación noutros moitos aspectos que non son o seu especificamente”, explica María José Coira.

Outro dos servizos que axuda a conectar aos usuarios da Rede é o blog, onde os espazos suben información sobre os proxectos que acollen, eventos e demais iniciativas que serven para crear sinerxias entre todos os coworkings e tamén para que estean conectados os coworkers.

Os 11 espazos

A rede está espallada por toda a provincia da Coruña e agora mesmo son 11 os coworkings rexistrados, pero están abertos á apertura de novos espazos. De feito, desde a Rede sinalan que “o noso obxectivo é seguir medrando”. O primeiro paso dérono no ano 2019 coa cesión por parte do Concello de Oleiros do Pazo de Arenaza. Era un pazo abandonado que funcionara previamente como centro de día e que rehabilitou a Deputación da Coruña como espazo de traballo colaborativo. Agora está centrado no eido da Arquitectura e o Urbanismo aproveitando que na Universidade da Coruña se atopa a única Escola Técnica Superior de Arquitectura de Galicia e buscando servirlle de axuda aos estudantes que rematan os seus estudos e queren emprender neste sector.

Fachada do Pazo de Arenaza, centro de referencia da Rede Provincial de Coworkings da Deputación da Coruña

Pazo de Arenaza (Oleiros): é o buque insignia da Rede porque está xestionado directamente pola Deputación e é o que leva máis tempo en funcionamento.

LAB Barbanza (Boiro): especializado no sector conserveiro e na transformación de produtos do mar, así como na hostalaría e o turismo, que son os sectores máis puxantes da súa contorna.

A Capela: é o situado no concello máis pequeno, xa que A Capela supera por pouco os 1.000 habitantes. É máis multisectorial e busca atraer nómadas dixitais como forma de aumentar a poboación do territorio e loitar contra o despoboamento. Tamén toca o sector primario porque ofrece asesoramento nas xestións para acadar as axudas da Política Agraria Común (PAC).

A Pobra do Caramiñal: foi un dos últimos en unirse a comezos do 2023.

Coworking dixital CCompostela (Santiago): é o ubicado no concello máis grande e aglutina a emprendedores relacionados coa industria audiovisual porque a contorna de Santiago conta con moitas iniciativas relacionadas con este sector.

Fachada do Coworking Dixtal CCompostela

A Proa (Ames): centrado tamén no sector audiovisual.

Transformando en Brión: esixiu un investimento moi importante, xa que tiveron que adquirir moita maquinaria para o tratamento de froitas, hortalizas e demais. Elaboran pratos preparados e, por exemplo, desde el abastecen a todos os comedores escolares do concello de Ames.

Centro Comarcal de Desenvolvemento Rural A Fusquenlla (Moeche): seguiu os pasos de Brión e tamén esixiu un forte investimento en máquinas. A Deputación financiou o 80% e o 20% restante foi posto entre sete pequenos concellos. Dedícase a transformación de produtos autóctonos da zona para a elaboración de conservas vexetais de horta e froita, cogomelos, zumes, marmeladas, mel, etc.

Centro de Emprendemento A Estación (Vedra): rehabilitaron un antigo vagón de tren e unha estación abandonada. Todo o vagón contén mesas e a nave é utilizada para eventos culturais.

Exterior do vagón que forma parte do Coworking A Estación de Vedra
Interior do vagón que forma parte do Coworking A Estación de Vedra

Green Coworking (As Pontes): busca darlle unha alternativa á comarca das Pontes, que era moi dependente da factoría de Endesa, e colaboran con empresas puxantes no sector das enerxías renovables ou o hidróxeno.

Coworking Miño – Casa do Pescador: foi o último en adherirse á Rede.

Comparte!

Deixa un comentario

Entradas relacionadas

Dez finalistas chegaron á fase definitiva dun concurso que repartirá 20.000 euros en premios entre os tres mellores proxectos

Ficar aquí

06/11/2025

É imposible ficar aquí, no noso rural, se se seguen cometendo ano tras ano os mesmos erros que acaban con miles de hectáreas de monte calcinadas e o medio de vida de moita xente totalmente arrasado

Ficar aquí

16/08/2025

A campaña conxunta que desenvolven o portal de emprego e a entidade que agrupa a 25 concellos da provincia de Ourense pretende visibilizar todas as opcións existentes na zona

Ficar aquí

24/07/2025

Inscrición na oferta

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Motivación para este posto
Por favor, revisa a información dos campos obrigatorios.
Experiencia profesional
Currículum Vitae
Tamaño máximo: 5 MB
Súbeo en PDF

Solicitude de traspaso de negocio

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Motivación para o traspaso

Solicitude de relevo xeracional

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Motivación para o relevo *

Socios e colaboracións

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Queres comentar algo? *

Mensaxe á entidade

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Envíalle unha mensaxe á entidade *