O portal de emprego e oportunidades do rural galego

Coñecemos ao GDR 3 Montes e Vales Orientais: peza clave para o desenvolvemento da montaña lucense

Os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) son unha peza fundamental para impulsar proxectos, crear oportunidades e dinamizar o territorio rural.

Nesta ocasión falamos co equipo do GDR 3 Montes e Vales Orientais, que traballa na montaña oriental de Lugo promovendo o desenvolvemento do territorio e apoiando iniciativas locais.

Conversamos con eles sobre os retos do rural, as oportunidades existentes e o papel que desempeña o GDR na construción dun futuro con máis posibilidades para quen decide vivir e emprender nel.

📍 En que comarcas e concellos traballa o GDR 3?

Traballamos en catorce concellos da montaña oriental de Lugo. Trece deles forman parte do GDR: Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Láncara, Meira, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Pedrafita do Cebreiro, Pol, A Pontenova e Ribeira de Piquín. Ademais, o concello dos Nogais participa connosco no ámbito do Xeodestino Ancares-Terras de Burón.

O noso territorio abrangue principalmente as comarcas dos Ancares, A Fonsagrada e Meira, configurando un espazo amplo e diverso que comparte retos e oportunidades vinculados ao desenvolvemento rural.

Mapa dos Concellos que abrangue o GDR 3

🤝 Que entidades forman parte do GDR e cómo se desenvolve ese traballo?

As entidades públicas que forman parte do GDR son os trece concellos integrados na asociación. Ademais, no ámbito do Xeodestino participan catorce concellos. Xunto ás administracións locais, forman parte do GDR cincuenta e dúas entidades privadas, entre as que predominan asociacións, cooperativas e outras organizacións representativas do territorio.

O máximo órgano de participación é a Asemblea, na que todas as entidades están representadas en igualdade de condicións. A partir dela organízase a Xunta Directiva, que é o órgano encargado da xestión e da execución das actuacións do GDR.

O traballo tamén se estrutura a través de diferentes mesas sectoriais, como a institucional, a de mulleres, a de turismo, a de medio ambiente, a de xuventude ou a agraria. Estes espazos permiten que as entidades se agrupen segundo os seus intereses e ámbitos de actuación, favorecendo a participación, a coordinación e o desenvolvemento de iniciativas conxuntas.

🎯Cales son os obxetivos principais para os próximos anos?

O principal obxectivo é promover o desenvolvemento do territorio. Identificáronse tres sectores estratéxicos prioritarios:

  1. Sector primario
  2. Turismo, especialmente o ecoturismo
  3. Transformación agroalimentaria

Sen descoidar outros ámbitos económicos, tamén se apoian proxectos doutros sectores que contribúan ao desenvolvemento destes sectores estratéxicos ou ao desenvolvemento territorial en xeral. 

Outro dos obxectivos fundamentais é fomentar o relevo xeracional e favorecer que a xente nova e as mulleres permanezan e desenvolvan os seus proxectos de vida no territorio.

💶 Os GDR teñen como unha das súas responsabilidades principais a xestión das axudas LEADER. Como contribuíron e como poden contribuír ao desenvolvemento do territorio?

Xestionamos as axudas LEADER e a verdade é que existe unha gran demanda de proxectos.

Na convocatoria anterior investimos o 100 % dos fondos dispoñibles e nesta tamén prevemos ter máis solicitudes que posibilidades reais de subvención.

Estas axudas contribúen principalmente á fixación de poboación, xa que moitos dos proxectos son pequenas iniciativas familiares que se implantan no territorio e que acaban xerando arraigamento e oportunidades de permanencia.

🌱 Que proxectos impulsa ou en que proxectos participa o GDR? 

Ademais de todo o relacionado co programa LEADER participamos no Xeodestino turístico. A Axencia Turismo de Galicia tamén nos concede unha axuda anual para promover un turismo sostible no territorio. 

Participamos en proxectos con outras entidades, como a FEGAMP, a través da iniciativa Aldeas Vivas, orientada a facilitar a chegada de novas persoas ao territorio e a favorecer o acceso á vivenda e ao emprego. 

Nunha edición posterior desenvolveuse tamén un proxecto cos concellos de Navia de Suarna e A Pontenova, vinculado á prestación de servizos para persoas maiores. 

Ademais, participamos en grupos operativos destinados a apoiar as entidades do territorio nos seus procesos de industrialización agraria.

En definitiva, procuramos constantemente novas oportunidades para impulsar o desenvolvemento territorial máis alá das axudas LEADER.

🤝 Ademais das axudas LEADER, como pode axudar un GDR ás empresas e persoas emprendedoras do territorio?  

Unha das principais formas nas que os GDR axudamos ao territorio é mediante a creación de relacións entre as persoas e entidades que o integran. 

Tanto entre empresas promotoras de proxectos como entre as entidades que forman parte da Asemblea do GDR, xéranse espazos de encontro e colaboración. Créase unha importante rede de contactos que favorece a aparición de sinerxías entre empresas e entidades que, en moitos casos, nin sequera se coñecían previamente. 

Por exemplo, actualmente está en marcha a Axenda do Xeodestino, na que empresas e entidades do territorio incorporan actividades e eventos. Isto contribúe a facer o territorio máis atractivo e dinámico. Outro exemplo é o Club de Produto Cociña dos Ancares e Terras de Burón, creado grazas á colaboración entre distintos axentes. Este tipo de iniciativas xeran sinerxías moi potentes que van moito máis alá do apoio económico das axudas LEADER. 

De feito, moitas das relacións creadas a través de LEADER permitiron que asociacións e entidades desenvolvesen posteriormente proxectos conxuntos de gran relevancia. 

A creación de comunidade é un dos maiores orgullos do GDR.

🔄Está sendo o relevo xeracional un dos principais hándicaps que vos atopades á hora de que pequenos negocios sigan funcionando no voso territorio?

Si, sen dúbida é un hándicap enorme. 

Cando se elaborou a estratexia LEADER, comprobouse que nun só ano os catorce concellos do territorio perderan cen pequenos negocios. É unha cifra moi elevada. A falta de relevo xeracional provoca o peche de explotacións agrarias, pequenos comercios e negocios familiares que prestaban servizos esenciais, como panadarías, carnicerías ou casas de comidas. 

Isto ten consecuencias directas na calidade de vida do territorio, xa que a desaparición destes servizos dificulta a vida diaria da poboación.

🌾Por onde pasa o futuro do rural nos vosos concellos? Que sector ou sectores económicos son os máis relevantes?

Creo que o futuro de calquera medio rural pasa inevitablemente pola produción de alimentos. É imprescindible contar cun sector produtor e cun sector transformador. 

O rural non pode ser só unha postal; é tamén un espazo para producir alimentos.

Neste territorio existían tradicionalmente numerosos rabaños de ovellas e cabras que, ademais de contribuír á produción alimentaria, desempeñaban un papel fundamental na prevención dos incendios forestais. Moitas destas actividades desapareceron e sería importante facer un esforzo para recuperar a gandaría herbívora extensiva. 

Tamén é fundamental impulsar a pequena transformación agroalimentaria, facilitando os trámites administrativos para que os pequenos produtores poidan transformar as súas producións sen soportar a mesma carga burocrática que a gran industria. 

Por outra banda, o turismo debe estar vinculado ás experiencias e á actividade existente no territorio. Non pode existir un turismo de calidade se non hai actividade económica, social e produtiva arredor. 

O rural non pode depender exclusivamente da gandaría nin exclusivamente do turismo. Precisa dunha verdadeira multifuncionalidade, como a que historicamente caracterizou o medio rural.

🏡 Como vos afecta o despoboamento e como podemos tentar frealo?

O despoboamento é un problema moi grave neste territorio. 

Desde o GDR impulsamos medidas como o proxecto Aldeas Vivas, que busca facilitar a instalación de novas persoas mediante o acceso ao emprego e á vivenda. Porén, trátase dun problema estrutural que non pode resolverse unicamente desde un GDR.

Son necesarias medidas moito máis decididas, por exemplo para recuperar e rehabilitar vivendas abandonadas e poñelas en alugueiro. No caso das axudas LEADER, as subvencións para vivenda están excluídas, polo que se require unha aposta institucional máis ampla e estrutural.  

🌿Como de importante é o coidado do patrimonio natural e histórico? Como debe ser o desenvolvemento do sector turístico?

A conservación do patrimonio histórico é unha tarefa complexa, xa que gran parte deste patrimonio atópase abandonado e o seu mantemento resulta custoso. Ao mesmo tempo, contamos cun importante patrimonio natural e cun patrimonio xerado polas actividades humanas ao longo do tempo. 

Se queremos desenvolver un turismo sostible e de calidade, baseado na biodiversidade e nas experiencias, é imprescindible manter actividade no territorio. Deben existir actividades agrarias e produtivas que contribúan á conservación da paisaxe e dos ecosistemas. 

Moito do patrimonio natural actual está ligado ás actividades tradicionais, especialmente á gandaría extensiva. Por iso resulta fundamental apoiar estas actividades e promover un uso produtivo e sostible do territorio.

💬 Que mensaxe final darías sobre o valor dos GDR no rural?

O GDR é un espazo aberto para toda a cidadanía. Calquera persoa pode dirixirse ás nosas oficinas para trasladarnos as súas inquietudes ou propostas. Tentaremos canalizar esas necesidades, xa sexa a través das nosas propias axudas ou mediante outras liñas de apoio que poidan resultar adecuadas. 

E, por último, para todas as persoas que apostan polo rural, a mensaxe é clara: paga a pena.

Detrás de cada proxecto que nace no rural hai persoas, entidades e redes de colaboración que traballan para crear oportunidades e facer do territorio un lugar onde vivir e emprender. 


👉 Se queres coñecer máis sobre o traballo do GDR Montes e Vales Orientais, consultar as súas convocatorias ou trasladarlles unha idea, podes visitar a súa páxina web: GDR Montes e Vales Orientais

👉 No noso blog seguiremos compartindo experiencias, recursos e iniciativas que están a transformar o rural galego.

Comparte!

Deixa un comentario

Entradas relacionadas

Algúns municipios do rural galego están reformando inmobles públicos en desuso para ofrecelos como vivendas de alugueiro social coas que axudan a persoas necesitadas e tamén loitan contra o despoboamento

Ficar aquí

29/05/2026

Falamos co GDR 12 Carballiño-Ribeiro para coñecer de primeira man o seu papel no desenvolvemento rural galego, o apoio ao emprendemento e as oportunidades no territorio.

Ficar aquí

30/04/2026

“Moitas veces hai máis inspiración fóra da pantalla que dentro dela.” Desde Riotorto, Rocío constrúe o seu proxecto creativo, Efe Efe, combinando deseño, ilustración e unha forma de traballar conectada co territorio e coas persoas.

Ficar aquí

09/04/2026

Inscrición na oferta

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Motivación para este posto
Por favor, revisa a información dos campos obrigatorios.
Experiencia profesional
Currículum Vitae
Tamaño máximo: 5 MB
Súbeo en PDF

Solicitude de traspaso de negocio

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Motivación para o traspaso

Solicitude de relevo xeracional

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Motivación para o relevo *

Socios e colaboracións

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Queres comentar algo? *

Mensaxe á entidade

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Envíalle unha mensaxe á entidade *