O portal de emprego e oportunidades do rural galego

Coñecemos ao GDR 10 Limia-Arnoia: o grupo que impulsa o rural en Ourense

GDR 10 Limia-Arnoia

Os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) desempeñan un papel clave na dinamización do territorio, apoiando proxectos, acompañando ás persoas emprendedoras e impulsando iniciativas adaptadas ás necesidades de cada comarca.

Nesta ocasión falamos co equipo do GDR 10 Limia-Arnoia, que traballa en catro comarcas do sur de Ourense impulsando o desenvolvemento do territorio.

Conversamos sobre os retos do rural, os proxectos que promoven e a súa visión para crear máis oportunidades no territorio.

📍 En que comarcas e concellos traballa o GDR 10?

O GDR desenvolve a súa actividade nun amplo territorio do sur da provincia de Ourense, que abrangue varias comarcas rurais: A Limia, Baixa Limia, Terras de Celanova e Allariz–Maceda.

En total, o grupo traballa en arredor de 25 concellos, entre os que se atopan Xinzo de Limia, Bande, Lobios, Entrimo, Celanova, Allariz ou Maceda. Trátase dun territorio diverso, cun forte carácter rural, onde a entidade actúa como elemento de coordinación para impulsar o desenvolvemento económico e social.

Mapa dos Concellos que abrangue o GDR 10 Limia-Arnoia

🤝 Que entidades forman parte do GDR e cómo se desenvolve ese traballo?

O grupo está formado polos 25 concellos que integran o grupo, a Deputación de Ourense e diferentes entidades representativas do territorio: asociacións de mulleres, entidades deportivas, cooperativas agrarias, asociacións xuvenís ou comunidades de montes, entre outras.

Trátase dunha asociación sen ánimo de lucro que se organiza a través dunha xunta directiva e unha asemblea. O traballo conxunto desenvólvese mediante reunións periódicas en función das temáticas, dos proxectos ou das liñas de axuda. Estas reunións tamén responden ás necesidades detectadas no territorio e ás demandas da poboación.

🎯Cales son os obxetivos principais para os próximos anos?

Dada a diversidade do territorio, o grupo estruturou a súa estratexia en tres áreas prioritarias:

  • Na comarca da Limia, o foco está no sector agrario, abrangendo toda a súa cadea: produción, transformación e comercialización.
  • Na Baixa Limia, a prioridade é a valorización dos recursos naturais para a creación de emprego.
  • En Terras de Celanova e Allariz, o eixo principal é o sector servizos e o comercio.

Os proxectos que se presentan ás axudas LEADER reciben maior puntuación se se aliñan con estas áreas prioritarias. Ademais, os fondos e proxectos que o GDR consegue máis alá de LEADER tamén se canalizan seguindo esta lóxica territorial e temática.

O obxectivo é evitar accións illadas e acadar un impacto real a longo prazo, cunha folla de ruta clara para o desenvolvemento do territorio.

💶 Os GDR teñen como unha das súas responsabilidades principais a xestión das axudas LEADER. Como contribuíron e como poden contribuír ao desenvolvemento do territorio?

As axudas LEADER son fundamentais, especialmente en territorios rurais como este. Permiten que pequenos promotores e iniciativas locais, que doutro xeito terían dificultades para acceder a outras liñas de financiamento, poidan desenvolver os seus proxectos.

Os GDR caracterízanse pola súa proximidade á poboación: ofrecen acompañamento durante todo o proceso, resolven dúbidas e axudan na xestión administrativa. Este modelo de axuda, máis próximo e adaptado, facilita que proxectos pequenos poidan saír adiante.

🌱 Que proxectos impulsa ou en que proxectos participa o GDR? 

Na actualidade, o GDR 10 Limia-Arnoia ten en marcha varios proxectos. Entre eles, destaca Espazos Efémeros de Cooperación, cun evento recente en Celanova, Ruralmente, desenvolvido en Xinzo de Limia ou Aterra, unha iniciativa que nace co obxectivo de impulsar novos proxectos agrogandeiros no territorio Limia Arnoia.

Espazos efémeros | GDR10 Limia-Arnoia

A intención é consolidar estes proxectos como proxectos e eventos anuais que roten polo territorio, sempre vinculados ás áreas prioritarias: Espazos Efémeros na zona de Celanova e Allariz, Ruralmente centrado no sector agrario na Limia e Aterra como espazo que conecte persoas propietarias con demandantes de terras no territorio Limia – Arnoia.

🤝 Ademais das axudas LEADER, como pode axudar un GDR ás empresas e persoas emprendedoras do territorio?  

O apoio aos emprendedores non se limita ás subvencións directas. O GDR tamén impulsa proxectos propios financiados con outros fondos, que repercuten no territorio a través da contratación de servizos, actividades e iniciativas locais.

Deste xeito, combínase o apoio directo ás persoas emprendedoras co impacto indirecto xerado polos proxectos que dinamizan a economía local.

🔄Está sendo o relevo xeracional un dos principais hándicaps que vos atopades á hora de que pequenos negocios sigan funcionando no voso territorio?

Existen realidades diferentes. No sector agrario da Limia, o relevo xeracional non é o principal problema, xa que moitas explotacións continúan grazas á continuidade familiar.

Porén, si hai unha dificultade importante no relevo de pequenos negocios: bares, tendas ou farmacias que pechan por xubilación sen continuidade. Isto afecta especialmente aos concellos con menor poboación e máis envellecida.

Neste sentido, considérase fundamental anticiparse ao peche destes negocios, traballando cos actuais propietarios e facilitando a incorporación de novas persoas, así como o financiamento para a súa modernización e adaptación ás novas demandas.

🌾Por onde pasa o futuro do rural nos vosos concellos? Que sector ou sectores económicos son os máis relevantes?

A visión é moderadamente optimista. O territorio segue vivo, con persoas e proxectos innovadores que traballan por mantelo activo.

Non obstante, é necesario un esforzo conxunto entre administracións públicas e entidades privadas para anticiparse aos problemas, especialmente á perda demográfica.

Resulta clave o traballo coordinado entre administracións e entidades para garantir servizos básicos e manter activo o tecido comercial, xa que son elementos fundamentais para fixar poboación.

🏡 Como vos afecta o despoboamento e como podemos tentar frealo?

Para manter poboación é fundamental conservar un mínimo de actividade agraria (gandaría, horticultura, sector forestal). Isto garante a permanencia de familias no territorio e, en consecuencia, a existencia de servizos e comercio.

Onde desaparece a actividade agraria, resulta moi difícil manter unha poboación estable.

Existen excepcións, como Allariz, onde o comercio e o turismo permitiron recuperar habitantes, pero son casos puntuais. Por iso, considérase esencial reforzar o sector agrario, mellorar as súas condicións e xerar emprego a partir del.

🌿Como de importante é o coidado do patrimonio natural e histórico? Como debe ser o desenvolvemento do sector turístico?

A conservación do patrimonio natural e cultural é fundamental en si mesma, independentemente do turismo. Forma parte da identidade do territorio e da calidade de vida da súa poboación.

O turismo pode ser unha vía para xerar economía a partir destes recursos, pero non debe ser o único obxectivo. De feito, centrarse exclusivamente no turismo pode ser un erro.

O enfoque debería ser garantir primeiro unha base sólida: poboación, actividade económica e patrimonio coidado. A partir de aí, o turismo pode desenvolverse de forma natural.

💬 Que mensaxe final darías sobre o valor dos GDR no rural?

Os GDR deben seguir traballando como elementos de conexión entre as distintas redes e axentes do territorio.

Tras máis de 30 anos de traxectoria, é o momento de consolidalos como ferramentas clave para o cambio e a dinamización do rural.

O desenvolvemento do rural pasa por coñecer as necesidades de cada territorio, apoiar as iniciativas locais e traballar de forma coordinada entre administracións, entidades e persoas emprendedoras. Ese é precisamente o labor que desenvolve o GDR Limia–Arnoia.

👉 Se queres saber máis sobre o seu traballo, os proxectos que impulsa ou as axudas LEADER, podes visitar a súa páxina web: https://limia-arnoia.gal/

👉 No blog de Ficar Aquí seguiremos achegándoche o traballo dos GDR galegos e doutras iniciativas que contribúen a crear máis oportunidades no rural.

Comparte!

Deixa un comentario

Entradas relacionadas

O GDR Montes e Vales Orientais é unha entidade clave para o desenvolvemento rural da montaña oriental de Lugo. Nesta entrevista coñecemos o seu traballo, os proxectos que impulsa, o papel das axudas LEADER e os principais retos do territorio, como o despoboamento, o relevo xeracional e a creación de oportunidades para vivir e emprender no rural.

Ficar aquí

05/06/2026

Algúns municipios do rural galego están reformando inmobles públicos en desuso para ofrecelos como vivendas de alugueiro social coas que axudan a persoas necesitadas e tamén loitan contra o despoboamento

Ficar aquí

29/05/2026

Inscrición na oferta

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Motivación para este posto
Por favor, revisa a información dos campos obrigatorios.
Experiencia profesional
Currículum Vitae
Tamaño máximo: 5 MB
Súbeo en PDF

Solicitude de traspaso de negocio

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Motivación para o traspaso

Solicitude de relevo xeracional

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Motivación para o relevo *

Socios e colaboracións

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Queres comentar algo? *

Mensaxe á entidade

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Envíalle unha mensaxe á entidade *