Galicia ten sobre si unha ameaza que leva xa anos poñendo en perigo o seu equilibrio. O despoboamento do seu interior, coa poboación basculando cara o Eixo Atlántico e as zonas costeiras, provoca que amplas zonas da comunidade estean practicamente baleiras de habitantes ou moi cerca de quedar nesta situación.
Os datos son moi claros. Se temos en conta o último informe ‘Panorama rural-urbano’ do Instituto Galego de Estatística (IGE), que marca que, seguindo un estándar europeo, son Zonas Densamente Poboadas (ZDP) aquelas que contan con máis de 50.000 habitantes, só as sete grandes cidades poden ser consideras zonas urbanas. A superficie destas setes urbes abranguen 982’72 km², o que supón un 3’32% do territorio galego. En cambio, neste pequeno espazo vive o 36’72% da poboación galega, concretamente 983.206 persoas, segundo os datos do IGE de 2022. É dicir, máis dun terzo dos galegos concéntranse en pouco máis dun 3% da superficie da comunidade. Polo tanto, o outro 63’28% de poboación ocupa o restante 96’68% do territorio. O desequilibrio xa é máis que evidente.

Sangría constante
O problema do despoboamento do rural galego non deixa de medrar, nunha sangría constante desde hai varias décadas. Aínda que parecía que a pandemia, coa expansión do teletraballo e a intención de moita xente de abandonar as grandes cidades para buscar a tranquilidade das aldeas, vilas ou pobos podería cortar este proceso, en Galicia seguimos atopando aínda cifras moi alarmantes que convidan a facer unha fonda reflexión e a poñer cartas no asunto o antes posible, xa que para algúns lugares a súa supervivencia está nun perigo real.
As cifras din que o problema é máis acusado nas provincias de Ourense e Lugo, cunha poboación moi avellentada e fluxos de migración interior cara as cidades do Eixo Atlántico e tamén cara fóra de Galicia. Sirvan como exemplo os últimos datos que se poden consultar no IGE sobre a poboación dos concellos galegos. Eles dinnos que nos últimos catro anos hai cinco municipios que perderon máis do 10% dos seus habitantes. Catro pertencen a Ourense e un ao interior lugués.
O concello cuxa poboación máis decreceu porcentualmente entre 2018 e 2022 foi o ourensán de Pontedeva, na Terra da Celavona. Durante estes catro anos baixou un 13’54% o seu número de habitantes, quedando o seu padrón por primeira vez por debaixo dos 500 habitantes, cando a mediados do século pasado contaba co triplo de poboación (1.429 persoas). Concretamente, Pontedeva pasou de 554 veciños, no 2018, a 479, no 2022, o que supón 75 persoas menos. No seu caso parece que a pandemia freou un pouco o proceso, xa que entre o ano 2020 e o 2022 baixou 15 habitantes o seu padrón. A gran perda fora entre 2018 e 2019, cando nun só ano caera en 43 persoas.
Non se repite este patrón nos tres seguintes concellos, xa que perderon máis poboación entre 2020 e 2022 que entre o 18 e o 19. Trátase do ourensán Calvos de Randín, na comarca da Limia; o lugués das Nogais e o tamén ourensán de Carballeda de Valdeorras. Calvos de Randín perdeu un 12’97% da súa poboación pasando de 779 a 678 habitantes (-101). 57 deles perdeunos a partir do ano 2020.

Catro milleiros menos en 80 anos
No caso das Nogais tamén veu como baixaba dunha barreira histórica, xa que no 2022 caía por primeira vez por debaixo dos 1.000 habitantes, quedando en 991. É un concello que a principios do século pasado superaba os 5.500 veciños e que se mantivo ata a década dos 40 por riba dos 5.000. Desde aí iniciou unha caída inexorable ata situarse por debaixo do millar. Nestes catro anos caeu en 123 habitantes o seu padrón (de 1.114 a 991), o que supón un descenso do 11’04%.
Mentres, Carballeda de Valdeorras tamén se achega a esa mesma barreira. Entre 2018 e 2022 perdeu un 10’48% da súa poboación, pasando de 1.574 a 1.409 (-165). 90 destes veciños perdéronos a partir do 2020. Sen movernos da comarca de Valdeorras atopamos o quinto e último concello deste infausto ranking. Trátase de O Bolo, que xa estaba no 2018 por debaixo dos 1.000 habitantes (concretamente 917), e que no 2022 caeu ata os 824. Supón 93 veciños menos, un 10’14%. No seu caso, a maior caída chegou entre o 2019 e o 2020, onde perdeu 34 habitantes.
A peor noticia é que estes cinco concellos non son unha excepción, senón que hai outros dez que se quedaron moi cerca de perder un 10% da súa poboación nesta franxa de anos. Trátase de Alfoz (9’79% e 172 habitantes menos), A Gudiña (9’79% e 128), Vilardevós (9’73% e 186), Navia de Suarna (9’61% e 106), Os Blancos (9’52% e 77), Pedrafita do Cebreiro (9’30% e 96), A Bola (9’26% e 111), Cervantes (9’22% e 127), Portomarín (9’08% e 135) e A Fonsagrada (9’03% e 324). Novamente atopamos seis concellos de Lugo e catro de Ourense. E tamén algúns casos como os de Navia de Suarna e A Fonsagrada, que se sitúan por primeira vez por debaixo do milleiro de habitantes, quedando en 997 e 936 habitantes, respectivamente.
Taboleiro entornado ou Galicia de dúas velocidades
Unha das conclusións claras que se poden tirar é que o taboleiro está entornado e confírmase a Galicia de dúas velocidades, na que Ourense e Lugo perden poboación a ritmo acelerado, mentres que as provincias atlánticas logran que esta sangría non sexa tan acentuada, medrando as áreas metropolitanas das principais urbes galegas. O primeiro municipio que aparece no listado de concellos con maior caída de poboación é o pontevedrés de Rodeiro, na posición vixésimo novena, con 192 habitantes menos, un 7’65% de caída. En canto á provincia da Coruña, o primeiro concello que atopamos é Ortigueira -posición 44-, cunha baixada de 384 veciños entre 2018 e 2022 (6’62%).
O caso das sete grandes urbes
O crecemento das áreas metropolitanas ofrece tamén un dato se cadra inesperado, xa que as sete grandes cidades perderon poboación entre o 2018 e o 2022. Concretamente teñen 5.474 veciños menos. Só Santiago, con 1.174 habitantes máis, e Pontevedra, con 26, foron capaces de manter e mesmo aumentar o seu padrón, mentres que o resto caeu. O caso máis acusado é o de Ferrol, que veu como perdía 2.641 persoas, seguido por Ourense (1.749), Vigo (1.268), Lugo (814) e A Coruña (150). Parte deses habitantes perdidos seguro que foron a concellos das súas respectivas áreas metropolitanas como Ares (+362) ou Valdoviño (+311), no caso ferrolán; Pereiro de Aguiar (+355) ou San Cibrao das Viñas (309), no ourensán; Gondomar (+734), no vigués; Sada (+1.132), no coruñés; ou Outeiro de Rei (+203), no lugués.
1 comentario en “Galicia, un 3% urbano e un 97% rural”
Gústame moito este post