O portal de emprego e oportunidades do rural galego

Chegar ao rural para quedar: unha fisioterapeuta que aposta polos coidados a domicilio

Ana Luisa, fisioterapeuta no rural de Ourense, en Baños de Molgas.

Ás veces, as historias que mellor explican para que serve un proxecto nacen dunha mensaxe sinxela.

Ana Luisa escribiunos a Ficar Aquí pouco despois de chegar a Baños de Molgas. É fisioterapeuta e quere traballar no rural, atendendo a persoas que non poden desprazarse a unha clínica. A súa proposta encaixa coas necesidades das súas veciñas e veciños como encaixaría coas de moitos lugares do rural galego. O seu primeiro reto: darse a coñecer.

Desde Ficar Aquí propuxémoslle falar con calma e levar a súa historia o máis lonxe posible. Desa conversa xorde esta entrevista, que é tamén o retrato dunha profesional que aposta por exercer no rural doutro xeito: máis próximo, máis humano e conectado coa vida comunitaria.

Como te presentarías e que facías antes de emprender no rural?

Son fisioterapeuta e son de Mirandela, no norte de Portugal. Rematei os estudos en 2008 e desde entón vivín e traballei en varios países europeos. Pasei un ano en Holanda e case doce anos en Francia, traballando tanto en hospitais como en clínicas privadas. Foi alí onde coñecín ao meu marido, que é de Castela-A Mancha.

Que che levou a instalarte no rural e non noutro lugar?

Cando tivemos fillos, vimos claro que non tiña sentido seguir cada un nun lugar distinto e decidimos achegarnos á familia. Sempre tivemos claro que queriamos vivir no norte e nun entorno rural. En Francia xa viviamos no rural e valoramos moito ese estilo de vida: máis tranquilidade, máis comunidade e máis tempo.

Houbo algo que foi clave para decidirvos por Baños de Molgas?

Estivemos un tempo buscando proxectos comunitarios, tipo ecoaldea, pero moitos non encaixaban co que nós buscabamos. Finalmente coñecemos unha parella de Celanova que estaba impulsando un proxecto moi afín: Tribu Salvaxe, unha asociación cultural e cooperativa de vivenda e traballo.

A través dese proxecto chegamos a San Martiño de Betán, preto de Baños de Molgas. Mercamos cinco casas e dous palleiros nunha aldea practicamente deshabitada. Agora estamos rehabilitando as vivendas e agardando a que máis persoas se vaian incorporando.

Cal era a túa idea profesional ao chegar ao rural?

Tiña moi claro que quería traballar como fisioterapeuta no rural. Gústame o contacto directo, a atención a domicilio e a relación comunitaria que se crea nestes contextos. Nos Pireneos xa visitaba as casas das persoas e iso xeraba vínculos moi ricos. Non busco unha clínica con varios pacientes á vez, senón un servizo máis humano e personalizado.

Que necesidade detectaches na zona?

Na contorna de Baños de Molgas, Allariz e Maceda hai poucos fisioterapeutas, así que hai unha necesidade clara. Ademais, teño especialización en solo pélvico, algo que non existe en Maceda, e tamén fago tratamentos respiratorios, que moita xente descoñece que forman parte da fisioterapia.

Quen é hoxe o teu cliente principal?

A maioría son persoas xubiladas con pensións máis altas —antigos comerciantes, profesores— ou familias cuxos fillos teñen empregos mellor remunerados e queren mellorar a calidade de vida dos seus pais.

Que foi o máis difícil nos primeiros meses?

Dúas cousas moi claras: o acceso á vivenda e darme a coñecer como profesional. Antes de instalarnos definitivamente tivemos moitas dificultades para atopar casa e tamén profesionais que nos axudasen coas reformas. Contactamos co GDR e mesmo co alcalde. Finalmente foi unha veciña, coa que conectamos moi ben a que decidiu alugarnos unha casa.

Que botaches máis en falta ao empezar?

Unha maneira clara de comunicar os meus servizos á poboación.

Que prexuízos existen cando alguén chega de fóra ao rural?

Hai prexuízos por ambas partes. Algunha xente do rural pensa que quen vén da cidade non se vai adaptar ou non vai respetar o lugar. E tamén hai persoas da cidade que pensan que no rural a xente está menos preparada.

No noso caso, a acollida foi excelente. A veciña alugounos a casa, eu xa estou na comisión das festas do Forno do Pan e xa participo na organización do mercadiño local. Temos claro que chegar a un lugar implica respectar a súa historia e ás persoas que xa viven nel.

Como che gustaría traballar a medio prazo?

A miña idea é traballar como autónoma a domicilio. Xa tiven clínica no pasado e non descarto ter outra no futuro, pero creo que agora mesmo o servizo a domicilio é especialmente necesario na zona. Por exemplo, para persoas que rompen unha perna e teñen longos tempos de espera para acceder a rehabilitación.

Tamén explorei ofrecer servizos de prevención de riscos laborais en polígonos industriais próximos, algo no que teño experiencia e considero que é de suma importancia.

Ves o rural como un lugar de futuro para emprender?

Si, pero fan falta ferramentas para dar visibilidade ao que xa existe e ao que está por nacer. Hai moita necesidade de servizos e moitas oportunidades que non se ven.

Unha reflexión final

A historia de Ana Luisa amosa que emprender no rural non é só abrir un negocio: é cubrir necesidades reais, crear comunidade e apostar por outra forma de vivir e traballar.

Tamén amosa a importancia de contar con espazos que axuden a conectar profesionais, territorio e persoas. Porque moitas veces, no rural, o problema non é que non haxa oportunidades, senón que non se ven.

👉 Se precisas fisioterapia a domicilio na zona, podes contactar con Ana a través do seu número de contacto: +34 633 79 61 40

👉 Se tes un proxecto, unha idea ou un servizo no rural e non sabes como facelo chegar á xente, Ficar Aquí pode ser un bo punto de partida.

Comparte!

1 comentario en “Chegar ao rural para quedar: unha fisioterapeuta que aposta polos coidados a domicilio”

  1. Muitas grazas, espero que muchos más jóvenes se atrevan a venir al rural para vivir.Donde hay calidad de vida y nas relaciones humanas.

    Responder

Deixa un comentario

Entradas relacionadas

O documental galego 360 Curvas recupera as mobilizacións veciñais da Fonsagrada nos anos 90. Falamos coa codirectora Ariadna Silva sobre o filme, a memoria, a comunidade e futuro do rural galego.

Ficar aquí

10/03/2026

Lucía Quintas, mestra do CRA A Picaraña, explícanos por que educar no rural é unha oportunidade única: grupos pequenos, natureza, aprendizaxe vivencial e unha comunidade que medra unida. Un modelo próximo e humano que impulsa ás crianzas e fortalece o territorio.

Ficar aquí

09/02/2026

Os gandeiros e agricultores galegos están manifestándose estes días en contra da sinatura do tratado entre a UE e Mercosur, un acordo que presentamos neste artigo

Ficar aquí

15/01/2026

Inscrición na oferta

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Motivación para este posto
Por favor, revisa a información dos campos obrigatorios.
Experiencia profesional
Currículum Vitae
Tamaño máximo: 5 MB
Súbeo en PDF

Solicitude de traspaso de negocio

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Motivación para o traspaso

Solicitude de relevo xeracional

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Motivación para o relevo *

Socios e colaboracións

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Queres comentar algo? *

Mensaxe á entidade

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Envíalle unha mensaxe á entidade *