Algúns pequenos concellos do rural galego non se resignan ante o proceso de despoboamento que sofren e artellan medidas coas que intentan combater o mesmo. Este é o caso de Trabada, un municipio do interior da Mariña luguesa que fai fronteira con Asturias e que conta con algo máis de 1.000 habitantes.
Desde hai uns anos, o goberno local traballa na reforma das antigas escolas para sacalas en alugueiro social. De momento xa son cinco as que están habitadas e en proceso está a sexta, na parroquia de Vilapena. “Acudimos a pedir unha subvención ao Instituto Galego de Vivenda e Solo e logo reformámolas tamén coa implicación do Concello. A primeira abriu no 2023, que foi a de Trabadela, e foi para unha familia en situación de emerxencia”, explica Rubén García Freije (Trabada, 1990), o alcalde desta vila mariñá desde xaneiro do 2024. Outras tres escolas xa saíron como alugueiro social con el como rexedor e a cuarta foi a comezos deste ano na parroquia de Valboa.
Desde o Concello de Trabada aseguran que estas vivendas sociais xeran moito interese. “Son moitas as persoas que se interesan e veñen preguntar polas condicións, xa que só poden acceder certas persoas porque o alugueiro social vai en función dos ingresos que ten cada familia. Pagan un alugueiro moi axustado, que se determina polo valor da vivenda e logo os gastos de luz e auga. As seis andan nun rango que está entre os 140 e os 160 euros ao mes”, sinala o alcalde trabadense.

Con esta iniciativa buscan completar dous obxectivos cun só movemento. “Forma parte dun proxecto de dobre vertente, xa que aproveitamos as instalacións que xa temos e non estaban sendo utilizadas e loitamos contra o despoboamento e axudámoslle a persoas que realmente o necesitan. Cremos que é unha liña a seguir e mesmo estamos traballando xa noutros proxectos similares. Entendemos que a política ten que ir sobre todo disto, de resolver problemas do día a día e de, por exemplo, axudarlle a xente que en verdade o necesita porque precisa dunha vivenda si ou si”, destaca Rubén García.
Rubén García, alcalde: “É un proxecto de dobre vertente, xa que aproveitamos as instalacións que xa temos e non estaban sendo utilizadas e ao mesmo tempo loitamos contra o despoboamento e axudámoslle a persoas que realmente o necesitan”
Así mesmo, están acondicionando os distintos centros sociais que funcionaban hai anos nas diferentes parroquias do concello. “Nalgúns lugares os veciños xa non tiñan onde xuntarse e cremos que é importante para que teñen un espazo no que realizar diferentes actividades e así facer comunidade. Temos un montón de proxectos no caixón á espera de financiación e para conseguilo solicitamos todas as subvencións posibles”, apunta.

Máis servizos
Se unha cousa ten clara Rubén García é que con servizos é máis fácil atraer poboación e que os pequenos concellos non se baleiren. De feito, el mesmo, antes de chegar á alcaldía, apostou pola seu pobo natal e regresou a traballar a Trabada no 2018 para poñerse, xunto coa súa muller, á fronte do supermercado Spar que había no núcleo principal do concello e no 2022 tamén reabría o Mesón Camiño Norte, o único bar que había tamén no casco urbán trabadense. “Hai un tempo tiven que deixar os dous porque o traballo da alcaldía cada vez me requería máis tempo e implicación, pero o importante é que son dous negocios que seguen abertos dando un servizo moi importante porque atopamos relevo. O mesón colleuno unha das traballadoras que tiñamos nós e o supermercado tamén llo traspasamos a dúas empregadas. Para min foi un orgullo coller o supermercado e reabrir o bar e agora tamén o é ver que seguen funcionando e, tanto a nivel persoal como desde o concello, van contar sempre con todo o apoio posible para que se manteñan abertos”, comenta.

Recorda como foi o proceso de apostar por reabrir o mesón. “Estivo un dous meses pechados e respirábase un ambiente de tristeza e pena na xente porque os outros bares máis cercanos están a once quilómetros de distancia. A xente viña ao supermercado e comentábanos que era unha pena ver Trabada sen bar con todo o que houbera antes e vimos que era un paso atrás que estivera así e tendo en conta que xa facíamos vida plena en Trabada, lanzámonos a reabrilo. Moita xente das parroquias e do propio centro vén comprar ou facer trámites ao Concello e estar sen un só local no centro onde tomar un café era una pena”, rememora.
Situación do rural e optimismo
O rexedor de Trabada considera clave manter estes servizos e aumentar outros para frenar a sangría da perda de poboación e lanza unha mensaxe clara de que para el o rural ten futuro. “A caída da poboación en Trabada estaba hai unha década nun 20% e agora logramos reducila ao 4% e segue baixando esta porcentaxe. Estanse vendendo moitas casas a xente de fóra de Galicia e conseguimos instalar fibra óptica na maioría das parroquias, algo que é importante porque moita da xente que vén de fóra pode facelo porque teletraballa. Creo que este é un impulso máis para encher esas casas que estaban pechadas e deshabitadas. Nós estamos desexando que veña xente para o noso pobo e imos axudar todo o posible. E como o podemos facer? Dando servizos como se fóramos un concello máis grande. Temos colexio; programas de conciliación, madrugadores e ludiseráns, onde están cunha monitora desde ás 4 ata as 7 da tarde; facemos campamentos no verán e máis cousas. Hai pouco veu empadronarse unha familia que ten unha nena pequena, comentámoslle os servizos que temos en torno ao colexio e quedaron asombrados de que nun concello pequeno se dean esas facilidades para as familias e sobre todo cuns custes que non son para nada elevados. Cremos que é un dos mellores camiños para poder fixar e atraer máis poboación”, recalca.

E conclúe cunha mensaxe optimista: “A mentalidade está cambiando e estase abandonado o concepto de que a aldea é pobreza. É precisamente todo o contrario, é riqueza o rural porque a maior parte da xente que vén a Trabada busca unha casiña que teña unha horta para ter os seus propios alimentos e valoran moito o ritmo de vida máis tranquilo, a natureza que temos e mesmo a diferenza de prezos con respecto ás cidades das que proceden, xa sexan de España ou do estranxeiro”.
👉Se che interesan temas como a vivenda, o emprendemento, os servizos ou as novas formas de vivir no rural, podes descubrir máis reportaxes e entrevistas no noso blog.