Hoxe falamos con Lucía Quintas, mestra titora da escola de Pías, pertencente ao CRA A Picaraña, e tamén coordinadora da biblioteca de Ganade. A través da súa experiencia achegámonos a un modelo educativo aínda descoñecido para moitas familias: os Colexios Rurais Agrupados (CRA).
Falamos sobre como funcionan, o papel das familias e por que a educación no rural pode influír de forma decisiva no desenvolvemento das nenas e nenos.
Que é un CRA, que o diferencia doutros centros educativos e cómo funciona?
Os CRA son Colexios Rurais Agrupados, un modelo propio da escola pública que agrupa nun só centro educativo varias aulas situadas en diferentes parroquias rurais.
No caso do CRA A Picaraña, no concello de Ponteareas, as aulas repártense en distintas localizacións —como Xinzo ou Moreiras— e a sede está en Ganade. Aínda que están fisicamente separadas, todas funcionan como un único colexio, cun proxecto educativo común e coordinado.
No momento da matrícula, as familias poden visitar as distintas escolas, coñecer as instalacións e o equipo docente. A asignación adoita facerse tendo en conta a proximidade ao domicilio, aínda que tamén se valoran outras opcións segundo as necesidades de cada familia.
Un dos grandes puntos fortes é que moitos nenos e nenas poden ir camiñando á escola, algo que reforza a autonomía, o vínculo coa contorna e axuda a manter vivas as aldeas.
Cales son os piares do CRA?
O proxecto educativo do CRA A Picaraña susténtase sobre tres piares fundamentais: natureza, cultura popular e familias.
A maioría das escolas están rodeadas de natureza. Os patios son espazos vivos, con terra e elementos naturais, pensados para o xogo libre e a exploración. Ademais, ao redor hai monte, o que lles permite traballar directamente no medio natural.
O centro mantén unha relación estreita coa comunidade: colabora coa veciñanza, coa comunidade de montes, e pon en valor os recursos do territorio.
“É aquí onde o rural cobra verdadeiro sentido.“
Cantas persoas traballan no CRA A Picaraña?
O equipo educativo está formado por:
- 8 mestras de Educación Infantil
- 1 profesor de Educación Física
- 1 profesor de Música (xornada completa para as 6 escolas)
- 1 profesor de Inglés
- 1 mestra de Pedagoxía Terapéutica (PT)
- 1 mestra de Audición e Linguaxe (AL)
- 1 orientadora (estas dúas últimas compartidas)
- Dirección do centro
A nivel de persoal é un centro ben dotado se se compara con outros máis masificados. En canto aos recursos materiais, sempre son mellorables, xa que se trata de escolas antigas que precisan investimento por parte da Xunta e dos concellos.
Ao ter grupos reducidos, que diferencia notades que existe?
Unha das principais diferenzas fronte a outros centros é o tamaño dos grupos. No CRA, as aulas son reducidas, o que permite unha atención máis individualizada e respectuosa cos ritmos de cada neno e nena.
Actualmente, o CRA conta con arredor de 66 nenos e nenas, repartidos nas diferentes escolas. Hai aulas con 8 alumnos e outras con 18; na miña aula, por exemplo, son 11. Para o vindeiro agardamos incluso un aumento da matrícula.



Os nenos teñen diferentes idades, como é esta mestura?
A mestura de idades é outra das grandes fortalezas do modelo CRA. Os nenos e nenas máis pequenos avanzan de forma natural grazas á convivencia cos maiores, que se converten en referentes dentro da aula.
Os maiores desenvolven empatía, responsabilidade e capacidade de axuda; os pequenos gañan autonomía e confianza. O CRA é unha auténtica sociedade en miniatura.
Cal é o impacto no territorio e como vos chega?
Para medir o impacto o máis importante é escoitar ás familias. O feedback é moi positivo. Valoran a calidade educativa, o trato próximo, o contacto coa natureza e o feito de que o centro contribúa a manter viva a vida no rural.
“O CRA ofrece algo difícil de atopar noutros contextos: unha educación ligada ao territorio, ás vivencias cotiás e ás capacidades reais de cada neno e nena.“
E para as familias, como participan e como é a conciliación?
As familias non son só espectadoras, senón parte activa da comunidade educativa. Participan en proxectos de aula, obradoiros trimestrais, celebracións de aniversarios, festas como o magosto ou o entroido, contadas en Ganade…
Esta implicación fai que o peso non recaia só no profesorado e que se constrúa unha verdadeira comunidade educativa.
A conciliación foi durante anos unha das principais preocupacións das familias. Para mellorala, o Concello de Ponteareas implantou:
- Aula matinal de 7:30 a 9:00 (dispoñible en todas as escolas)
- Aula de tarde de 14:00 a 15:00 (non en todas xa que depende de recursos e contratación)
Estas medidas supuxeron un avance importante para facilitar a conciliación laboral e familiar.
Para rematar, que lle dirías ás familias da vila?
Educación pública de calidade, individualizada, en contacto coa natureza e baseada en vivencias reais: é un regalo.
Por iso animo ás familias a coñecer o centro de primeira man nas xornadas de portas abertas.
“Moitas veces non saben a sorte que teñen de contar con isto tan preto da casa.”
Unha última reflexión de Lucía
As mestras e mestres dos CRA teñen o mesmo currículo e a mesma formación que calquera docente da escola pública. O que cambia é a metodoloxía: aprendizaxe vivencial, sensorial, respectuosa cos tempos e co movemento. Aquí, apréndese facendo.
👉 Queres saber máis sobre o CRA A Picaraña?
Podes achegarte á xornada de portas abertas o 26 de febreiro ás 16:00 h e seguir as súas redes sociais:
Instagram: CRA “A Picaraña” (@cra.a.picarana) • Fotos y videos de Instagram
👉 Se tes un proxecto, unha idea ou un servizo no rural e non sabes como facelo chegar á xente, Ficar Aquí pode ser un bo punto de partida.