Volver ao rural tamén pode ser unha forma de crear. Falamos con Rocío, deseñadora gráfica e ilustradora detrás de Efe Efe, un estudo creativo con base en Riotorto. Unha conversa sobre volver ao rural, crear dende o territorio e como o deseño tamén pode nacer en conexión coa contorna.
Como te presentarías e a que te dedicas exactamente en Efe Efe?
Son ilustradora e deseñadora. Nacín no rural e crieime aquí, pero por motivos de traballo marchei vivir á cidade durante 18 anos. Cando tiven un pequeno decidimos volver outra vez á nosa zona e instalarnos de novo no rural. Agora vivo en Riotorto e dende aquí traballo como autónoma co meu pequeno estudo creativo, Efe Efe, desenvolvendo proxectos de deseño e ilustración.
Cal foi o teu camiño profesional ata chegar a traballar como deseñadora freelance? En que momento decides lanzar o teu propio estudo de deseño no rural?
Levo uns seis anos traballando como deseñadora. Empecei en Lugo, pero curiosamente moitos dos traballos que me ían saíndo xa eran nesta zona.
Funciona moito o boca a boca: comezas cun cliente, despois ese cliente recoméndate a outro e así vas facendo rede.
Cando decidín volver vivir ao rural, xa tiña esa rede de contactos entón foi bastante natural seguir traballando dende aquí creando o meu propio estudo.
Sempre estiveches vinculada ao rural ou houbo un momento de volta ao territorio?
Sempre tiven vínculo co rural. Nacín na A Pontenova e vivín alí ata os 18 anos. Despois marchei a Lugo para estudar e quedei alí outros dezaoito anos. Agora levo uns tres anos de volta na Mariña interior, concretamente en Riotorto.
Que significou para ti establecer o teu estudo creativo nun lugar como Riotorto?
Ao principio foi un pouco unha incerteza. Riotorto é un concello pequeno e non ten moita xente, así que ao principio pensas se realmente vai funcionar.
Pero tamén ten algo que a min me gusta moito: segue sendo moi parecido a como era cando eu era pequena. Esa vida de aldea na que os veciños che traen uns rabizos, ovos ou un pouco de perexil, e ti tamén compartes o que tes. Ese ambiente de comunidade segue existindo e para min tamén é algo que alimenta a parte creativa do meu traballo.
Que foi o máis difícil nos primeiros meses? Tiveches algunha axuda?
A nivel técnico non tiven problemas porque hoxe en día, con internet, podes traballar desde calquera lugar. Podo facer videoconferencias ou enviar proxectos igual que se estivese nunha cidade.
En canto ás axudas, realmente non hai moitas. Cando es autónoma tes algunhas ao principio, pero despois pagas a cota como todo o mundo. Ás veces tamén pasa que para acceder ás axudas primeiro tes que adiantar cartos, e non sempre é fácil.
Iso si, nos concellos pequenos normalmente intentan axudar dentro do posible. Ao final son lugares onde todos se coñecen e hai vontade de facilitar as cousas.
Quen é hoxe o teu cliente habitual: empresas locais, proxectos culturais, negocios doutros lugares…?
Traballo con diferentes tipos de clientes. Por unha banda, empresas máis grandes que son as que che dan unha certa estabilidade mes a mes. Pero tamén fago moitos proxectos pequenos con asociacións culturais ou concellos da zona. Por exemplo, teño colaborado con concellos como Castropol, Boal, Ribadeo, A Pontenova ou o propio Riotorto. Ao final son proxectos diversos: desde deseño gráfico para eventos culturais ata identidade visual ou ilustración.
Tamén colaboro con pequenas produtoras que organizan eventos culturais ou musicais, así que ao final os proxectos van chegando pouco a pouco.
Traballar desde o rural condiciona dalgunha maneira o teu traballo ou os teus clientes?
Si, dalgunha maneira condiciona. Moitas veces traballas con proxectos pequenos para lugares pequenos, e iso fai que te impliques máis. Non é algo automático. Entendes mellor o contexto, a xente, o que queren transmitir.
Como coñeces o lugar e ás persoas, interiorizas máis o proxecto. Ao final traballas case como se fose algo propio, porque sabes como funciona ese sitio, quen vai participar ou que significa para a comunidade.
Coas grandes empresas é distinto, porque xa teñen equipos de marketing e procesos máis definidos. Nos proxectos pequenos hai máis traballo en equipo para que algo funcione.
Inflúe o territorio ou a paisaxe na túa maneira de crear ou de entender o deseño?
Si, moito. O entorno rural inflúe bastante na miña maneira de crear. No meu caso, por exemplo, vivo nun lugar onde teño natureza arredor constantemente: carballos, camiños, montes… Todo iso acaba marcando a túa sensibilidade como ilustradora ou creadora.
Moitas veces inspírome máis nese entorno que nas propias tendencias do deseño.

Hai algo do traballo dunha deseñadora freelance que a xente non adoita imaxinar?
Moitas veces hai que explicar que fas exactamente. No mundo do deseño usamos moitos termos en inglés: branding, packaging… E claro, ás veces a xente pregúntache que é iso. Pois explícaslle: branding é facer un logotipo e unha identidade visual, packaging é deseñar o envase dun produto.
Non é un problema, pero ás veces hai que traducilo todo a un idioma máis sinxelo para que a xente entenda realmente en que consiste o traballo.
Percibes que cada vez hai máis proxectos creativos desenvolvéndos e desde o rural?
Si, cada vez hai máis e moi interesantes. Sobre todo nesta zona do occidente de Asturias e da Mariña interior, que ao final están moi conectadas. Hai xente nova organizando festivais, encontros, talleres ou actividades culturais en espazos que antes estaban en desuso. Están facendo proxectos moi bonitos. A min gústame moito ver iso e sempre que podo intento ir apoiar.
Que aprendizaxe che deu traballar desde o rural que non terías noutro contexto?
Aprendín a falar máis coa xente cara a cara. Cando fago un proxecto pequeno gústame reunirme coa persoa en persoa, ver como é, escoitar como fala do seu proxecto, que ilusión ten ou que idea ten na cabeza. Ese contacto humano é moi importante. Nun correo ou nunha videoconferencia non captas igual todo o que hai detrás dunha idea.
Ves o rural como un lugar con oportunidades para profesionais creativos?
Si, creo que hai oportunidades, pero tamén hai que ter paciencia. O ritmo non é o mesmo que nunha gran cidade. Non podes esperar que todo pase moi rápido. Hai que entender que a vida aquí vai con máis calma. Pero oportunidades hai, e moitas veces tamén hai unha calidade de vida diferente.
Que consello lle darías a alguén que quere traballar nas industrias creativas desde o rural?
Diríalle que teña paciencia e que intente ser fiel á súa propia maneira de crear. Ás veces nas industrias creativas estamos demasiado pendentes das tendencias ou do que vemos nas pantallas. Vivir no rural tamén pode ser unha oportunidade para mirar máis ao redor, inspirarse na natureza, na xente e no territorio.
Moitas veces hai máis inspiración fóra da pantalla que dentro dela.
Onde pode a xente coñecer máis sobre o teu traballo e os proxectos de Efe Efe?
Teño perfís en Instagram e Facebook onde comparto parte do meu traballo, aínda que moitos dos proxectos seguen chegando polo boca a boca. Tamén se pode contactar comigo a través do meu correo para falar de posibles proxectos ou colaboracións.
📩 rociofpazz@gmail.com
👉 Se tes un proxecto, unha idea ou un servizo no rural e non sabes como facelo chegar á xente, Ficar Aquí pode ser un bo punto de partida.
Tamén podes descubrir outras historias como a de Lucía, mestra do CRA A Picaraña; Ana Luisa, fisioterapeuta en Baños de Molgas; ou Ariadna Silva, codirectora do filme gañador do Mestre Mateo, 360Curvas.