Cada territorio ten as súas particularidades, os seus retos e tamén as súas propias oportunidades. Para poñelas en valor e impulsar novos proxectos, os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) traballan desde o propio territorio, conectando administracións, entidades e persoas.
Nesta ocasión achegámonos ao GDR 6 Ribeira Sacra-Courel, que agrupa trece concellos de Lugo e traballa nun territorio marcado pola diversidade.
Falamos co seu equipo sobre os retos do territorio, o relevo xeracional, as oportunidades económicas e o papel do grupo á hora de apoiar proxectos e xerar novas dinámicas no rural.
📍 Que territorio abrangue o GDR 6 Ribeira Sacra-Courel?
Aglutina trece concellos de Lugo pertencentes a diferentes comarcas, pero cun elemento común: forman parte de dous territorios moi coñecidos polos seus valores naturais e culturais, a Ribeira Sacra e o Courel.
A distribución xeográfica dos GDR vén determinada tamén pola propia organización territorial da comunidade autónoma, polo que neste caso coinciden dous territorios con valores diferentes, pero tamén con importantes puntos en común. Desde o GDR buscan precisamente poñer en relación estas dúas realidades e dar visibilidade ás súas peculiaridades e similitudes.

🤝 Que entidades forman parte do GDR e cómo se desenvolve ese traballo?
Por unha parte están as entidades públicas. A Xunta Directiva do Grupo de Desenvolvemento Rural está formada por alcaldes e alcaldesas do territorio. Por outra, tamén están representados diferentes sectores a través de mesas sectoriais, como as relacionadas co ámbito agrario e con outros sectores do territorio.
Esta participación non se limita ás entidades que forman parte do GDR. No deseño das estratexias de desenvolvemento rural tamén se realizan procesos de participación pública abertos á cidadanía, co obxectivo de coñecer as necesidades e intereses do territorio.
Traballar cun territorio amplo, formado por trece concellos, tamén supón un reto á hora de fomentar a participación. As distancias son importantes e non sempre é doado reunir persoas procedentes de puntos diferentes do territorio. Por iso, facilitar a participación tamén implica buscar fórmulas que permitan achegar o GDR aos diferentes puntos do territorio e ás persoas que o forman.
🎯Cales son os obxetivos principais para os próximos anos?
O principal obxectivo é manter a poboación e consolidar a que xa vive no territorio.
Non se trata únicamente de intentar repoboar, senón tamén de manter os servizos públicos e as actividades empresariais que xa existen. Por iso, dentro das axudas existen criterios que priorizan as novas actividades e a creación de emprego, pero tamén contamos con proxectos non produtivos destinados a manter servizos básicos no rural.
Se non hai servizos, tampouco é doado que a xente queira instalarse no territorio ou que as persoas que xa viven nel poidan permanecer.
Outro dos retos que estamos detectando é que, moitas veces, o propio territorio non coñece o que é un Grupo de Desenvolvemento Rural. Boa parte do traballo diario está relacionado coa xestión das subvencións, os prazos, os requerimentos e as xustificacións. Esa carga administrativa fai que ás veces non quede tempo suficiente para explicar todo o que significa o desenvolvemento rural e o papel que pode desempeñar un GDR.
Por iso tamén queremos que o GDR sexa máis coñecido e que a cidadanía saiba que pode acudir a nós non só para solicitar unha axuda, senón tamén para consultar unha idea, analizar un proxecto ou propoñer novas iniciativas.
💶 Os GDR teñen como unha das súas responsabilidades principais a xestión das axudas LEADER. Como contribuíron e como poden contribuír ao desenvolvemento do territorio?
Dentro do traballo do GDR está a tramitación do programa LEADER, que permite conceder subvencións a entidades públicas, asociacións, persoas promotoras que emprenden actividades e proxectos non produtivos.
Este ano produciuse un cambio importante no funcionamento das convocatorias. Habitualmente, os períodos LEADER son plurianuais e, aínda que os fondos se distribúen para varios anos, as convocatorias adoitaban publicarse anualmente.
Nesta ocasión, a convocatoria publicada abrangue tres anos, ata 2028. Isto significa que as persoas que presentaron os seus proxectos nesta convocatoria, en principio, non poderán presentarse a unha nova convocatoria durante os próximos tres anos.
Unha das razóns deste cambio é facilitar a execución dos proxectos. Aínda que as persoas promotoras tiñan dous anos para executar as actuacións, ás veces os prazos eran moi axustados, especialmente en proxectos que implicaban obras ou rehabilitacións. Agora, ao concentrar os fondos de tres anos nunha convocatoria, as persoas beneficiarias dispoñen de máis tempo para executar os proxectos.
Inicialmente existía o temor de que concentrar os fondos de tres anos nunha única convocatoria provocase que non houbese suficientes solicitudes para comprometer todo o orzamento. Finalmente, conseguimos comprometer o 100 % dos fondos dispoñibles.
Cada GDR establece tamén a súa propia estratexia. No noso caso, traballamos cun límite máximo de 90.000 euros por proxecto, o que permitiu chegar a un maior número de iniciativas e cubrir os fondos dispoñibles.
🌱 Que proxectos impulsa ou en que proxectos participades?
Ademais do programa LEADER, desenvolvemos proxectos de cooperación entre GDR e proxectos de animación.
Estes últimos permiten deseñar procesos participativos, xornadas e iniciativas arredor de cuestións propias do territorio.
Un dos ámbitos nos que queremos traballar é a mocidade. A través dun proxecto de animación, buscamos que a xente nova do territorio coñeza mellor o desenvolvemento rural e as posibilidades que existen para vivir e desenvolver un proxecto nel.
Moitas veces existe unha visión negativa sobre a decisión de quedar no rural, como se fose sempre unha segunda opción. Por iso consideramos importante que a mocidade coñeza desde o principio as posibilidades que ofrece o territorio.
Tamén desenvolvemos iniciativas vinculadas a sectores concretos. Na Ribeira Sacra, por exemplo, o viño é un elemento singular e importante, polo que se poden organizar xornadas técnicas arredor deste sector. Outro exemplo son os proxectos de vídeo promocional. Máis que limitarse a crear un vídeo sobre o territorio, buscamos contar con axentes relevantes del para que sexan eles mesmos quen dean testemuño e participen no proceso.
🔄Está sendo o relevo xeracional un dos principais hándicaps que vos atopades?
Si. Creo que un dos grandes problemas do desenvolvemento rural, en xeral, é o relevo xeracional.
Moitas veces pensamos que a xente nova non quere vivir no rural pero tamén é importante escoitar que é o que realmente queren e necesitan as persoas novas.
Nun congreso ao que asistín recentemente, varias iniciativas poñían precisamente o foco nisto: en escoitar máis á mocidade e ter en conta as súas necesidades desde o principio á hora de deseñar os proxectos.
Ás veces existen tamén dificultades para que unha persoa nova poida desenvolver o seu proxecto. Por exemplo, no acceso ao financiamento ou á hora de que se valore a súa viabilidade técnica e económica. Ser novo non debería significar que o proxecto teña menos posibilidades.
Isto tamén sucede no ámbito agrario. En Galicia temos moitas fincas abandonadas, explotacións que pecharon ou están a piques de facelo e terreos que precisan mantemento. Ás veces hai persoas interesadas en recuperar esas actividades, pero tamén atopan dificultades para acceder á terra ou para que exista unha relación equilibrada coas persoas propietarias.
Por iso este ano imos desenvolver un proxecto de animación centrado nos institutos da zona, especialmente con alumnado de terceiro e cuarto da ESO e primeiro de Bacharelato.
Queremos achegarlles as posibilidades de estudar e desenvolver actividades vinculadas ao rural, ao sector agrario ou aos servizos no propio territorio. Tamén queremos organizar visitas a centros e a proxectos de persoas novas que están emprendendo e que están a funcionar ben, para que a mocidade poida coñecer de primeira man esas experiencias.
🌾Por onde pasa o futuro do rural nos vosos concellos? Que sector ou sectores económicos son os máis relevantes?
Na zona da Ribeira Sacra destaca especialmente o sector vitivinícola. Tamén hai unha importante presenza do cultivo da oliva en concellos como Quiroga ou Ribas de Sil.
Na zona do Courel teñen máis presenza sectores como a castaña e o mel, así como a gandaría extensiva. Ao tratarse dunha zona máis elevada e verde, existen boas condicións para este tipo de actividade.
Considero que a gandaría extensiva pode ser tamén unha oportunidade para o conxunto do territorio e para Galicia, especialmente á hora de contribuír ao mantemento das franxas secundarias e á prevención dos incendios.
Tamén existe un sector turístico importante en todo o territorio. A Ribeira Sacra conta cun recoñecemento importante polos seus valores e o Courel tamén conta con diferentes figuras de recoñecemento natural. Entre elas está o Xeoparque Mundial da UNESCO, que abrangue Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel, ademais da Reserva da Biosfera e do Camiño de Santiago.
Xunto ao turismo existen tamén oportunidades vinculadas aos servizos de hostalaría, ao turismo rural e aos servizos complementarios. O turismo agrario pode ser outra vía para obter unha rendibilidade adicional á propia actividade agraria.
Cada vez hai máis persoas interesadas en coñecer non só os viñedos, senón tamén unha explotación gandeira, unha queixería ou outras actividades produtivas. Este tipo de turismo pode contribuír a poñer en valor os propios produtores e a actividade económica do territorio.

🌿Como de importante é o coidado do patrimonio natural e histórico? Como debe ser o desenvolvemento do sector turístico?
Creo que hai que ser sensatos á hora de desenvolver calquera proxecto e ter sempre en conta o territorio no que se vai realizar.
No caso do patrimonio natural e cultural, é importante ser respetuosos e entender tamén que a normativa e a burocracia teñen unha función.
É certo que ás veces existe moita burocracia e que as persoas emprendedoras teñen que aprender a xestionala, pero tamén é necesario garantir que os proxectos sexan compatibles co patrimonio natural e histórico. Se deixamos liberdade absoluta, pode ocorrer que determinados proxectos, como unha casa de turismo rural ou un camping, non se integren adecuadamente no territorio e acaben tendo un impacto negativo sobre a súa imaxe e o seu futuro.
Tamén é necesario regular adecuadamente as vivendas turísticas, os aloxamentos de turismo rural e os servizos vinculados ao turismo. E todo isto debe ir acompañado de infraestruturas adecuadas.
De pouco serve crear casas de turismo rural se despois é complicado acceder a elas ou se existen problemas nos accesos.
O desenvolvemento rural ten que ser unha integración de todos estes elementos. Debemos evitar a masificación turística en determinadas zonas e apostar por un turismo de natureza e por un turismo que apoie realmente o desenvolvemento rural.
Un turismo que teña en conta os produtores do territorio, que permita visitalos, coñecelos e poñer en valor o seu traballo.
E que, ademais, poida xerar novas oportunidades: por exemplo, coñecer un produtor durante unha viaxe e continuar mercando os seus produtos durante o resto do ano a través da venda en liña.
💬 Que mensaxe final darías sobre o valor dos GDR no rural?
O máis importante é que a xente nos coñeza e que saiba que pode acudir a nós cando teña unha dúbida ou queira emprender.
Desde o GDR podemos asesorar para que as persoas vaian preparando a documentación e dando os pasos necesarios de cara ás convocatorias de axudas, pero tamén podemos axudar aínda que finalmente non queiran solicitar unha subvención.
Coñecemos o territorio e podemos acompañar diferentes proxectos para analizar se teñen cabida nel, así como orientar sobre autorizacións, territorio, mercado ou outros pasos necesarios para poñer en marcha unha iniciativa.
Tamén queremos que as persoas nos trasladen as súas necesidades. Se alguén pensa que sería interesante organizar unha xornada sobre turismo, sobre como recibir visitantes, sobre algún produto do territorio ou sobre calquera outra cuestión, pode poñerse en contacto connosco.
Coñecer esas demandas permítenos detectar necesidades e, a partir de aí, buscar fondos europeos e deseñar actividades ou proxectos que respondan ao que realmente precisa o territorio.
En definitiva, queremos que o GDR sexa un punto de apoio para as persoas, entidades e proxectos que apostan polo rural.
Detrás de cada territorio hai persoas e entidades que traballan para que existan novas oportunidades e para que os proxectos poidan saír adiante.
👉 Se queres coñecer mellor o traballo do GDR 6 Ribeira Sacra-Courel, podes visitar a súa web e poñerte en contacto co seu equipo.
👉 No blog de Ficar Aquí atoparás máis historias, iniciativas e recursos para descubrir todo o que se está a mover no rural galego.