O portal de emprego e oportunidades do rural galego

Da terra á cociña colectiva: Daquídarredor en Brión

En Brión, unha cociña colectiva pública permite que persoas produtoras transformen os alimentos que cultivan, aproveiten os excedentes e desenvolvan os seus propios produtos. É o espazo colaborativo de Daquídarredor, unha asociación que naceu dunha necesidade concreta: contar cun lugar onde transformar os produtos do campo sen facelo de maneira individual.

Falamos con Carme, produtora, labrega e dinamizadora para coñecer un pouco máis sobre o proxecto, o traballo no campo e as posibilidades que abre a colaboración.

Quen é Carme Freire, labrega e xestora de Daquídarredor

Son Carme Freire Cruces, unha das produtoras e elaboradoras da iniciativa Daquídarredor. Tamén fago o papel de dinamizadora, coordinadora e xestora do espazo colaborativo de Brión, onde elaboramos de forma común un grupo de persoas.

Usamos unhas cociñas como espazo público que forma parte da rede de Espazos Colaborativos da Deputación da Coruña. Foi promovido por nós, as persoas produtoras, e financiado polo Concello de Brión, o GDR Terras de Compostela e a Deputación da Coruña.

Desde a asociación autoxestionamos o centro e todo o que implica o seu funcionamento.

Como chegaches á agricultura e á transformación de alimentos? Foi unha decisión planificada ou un camiño que foi xurdindo?

Eu teño formación universitaria en Enxeñaría Agrícola e tamén comecei Enxeñaría Forestal, aínda que desta última fáltame o TFG.

Pero eu non estou aquí por ser enxeñeira agrícola, senón porque son labrega. Non teño outra forma mellor de definirme.

Na miña casa sempre fixemos agricultura, gandaría e aproveitamento dos produtos. Entón cheguei a isto de forma completamente natural, desde que nacín e polo que vivín na miña casa e no meu entorno.

Cando fun á universidade e traballei noutras cuestións relacionadas co medio rural, decidín que non quería dedicarme á enxeñaría pura e dura, senón ao que sempre fixemos na miña casa e a todo aquilo que aprendera de forma natural coas persoas próximas.

Así entrei en contacto co Sindicato Labrego Galego, co que traballei moitos anos, e con todo o relacionado co desenvolvemento rural.

No ano 2002, xunto coa miña parella, comezamos a encargarnos tamén das terras que tiñamos e a producir para a venda: froitas, hortalizas, conservas, ovos, carne de polo, carne de año… Desde ese momento son tamén produtora. Despois, cando se abriu o espazo colaborativo, se antes faciamos as conservas na nosa casa, pasamos a facelas tamén neste espazo produtivo.

Que elaborades na cociña colectiva de Brión?

Producimos horta e froita de todo o que se poida producir. Incluíndo cítricos, aguacates e produtos máis propios de zonas quentes. Na época da froita elaboramos conservas e todo tipo de zumes: mesturas, de pera, de limón, de laranxa… Tamén facemos zumes con diferentes combinacións, como o zume de papaxán. Aproveitamos as froitas tamén para facer marmeladas, produtos en almibre, deshidratados, marmelo…

Coas hortalizas sucede o mesmo: tomates, zume de tomate, salsa de tomate, agridoces con froitas e hortalizas, pepinillos, cremas de verduras… Todo para conservar aquilo que non consumimos en fresco.

Temos ademais outra liña de traballo baseada nas masas e nos produtos elaborados con cereais. Facemos doces, como roscas, bicas, pastas ou tartas, e tamén masas salgadas, como empanadas, empanadillas, masa de pizza ou croquetas.

E como produto en fresco tamén hai compañeiras que producen mel, ovos, cogomelos e pequenos froitos, como arandos ou framboesas.

Zume de pomelo, un dos produtos elaborados nas cociñas colectivas de Brión, pola Asociación Daquídarredor

Que posibilidades abre para unha pequena explotación poder transformar os seus propios produtos?

A transformación permítenos aproveitar aquilo que non consumimos en fresco e darlle saída a través de diferentes elaborados. No espazo podemos producir e transformar, pero tamén comercializar e aproveitar os excedentes.

Que dificultades implica poñer en marcha e manter unha actividade deste tipo no rural?

Principalmente hai dúas.

  1. A primeira é que as propias persoas nos creamos capaces. Se nos creamos capaces, xa é un dos pasos máis importantes para poder abordar este tipo de actividades.
  2. E a segunda é que, desde que cremos que podemos comezar e nos sentimos capaces, o fagamos de forma colectiva. Arroupármonos con outras persoas que tamén queiran facer este tipo de actividades para poder apoiarnos en común, equivocarnos en común…

Todo iso, se se fai de forma colectiva, é un gran paso.

Despois, a partir de aí, aparecen os atrancos administrativos e legais, pero eu creo que empoderarnos e empoderarnos colectivamente son as principais dificultades que hai que superar para logo poder resolver as seguintes.

Como naceu a asociación Daquídarredor e o espazo colaborativo de Brión?

O proceso vén de varios grupos humanos. Na comarca había un grupo de persoas que nos xuntabamos nunha asociación que se chamaba Lentura e que vendiamos conxuntamente os nosos produtos a todo tipo de consumidores: colexios, restaurantes, tendas, mercados locais…

Xa tiñamos unha necesidade en común: todo aquilo que non podiamos vender en fresco queriamos transformalo. Pero faciámolo nas nosas casas e non había unha lexislación que amparase esa actividade.

Noutros lugares, como Francia ou Austria, e tamén en zonas como o País Vasco ou Cataluña, había movementos que estaban tratando de poñer ferramentas e lexislación para resolver esa situación. Así, comezou a falarse da posibilidade de contar cunha normativa para os produtos caseiros e tamén de poder facer esas elaboracións en espazos comúns, en lugar de facelo cada persoa na súa casa.

Fomos coñecer compañeiras do País Vasco que nos contaron o que estaban facendo e vimos que era posible baixo unha serie de condicións. Presentámolo en diferentes concellos ata que houbo un, o Concello de Brión, que atendeu esa demanda. Naquel momento, o alcalde ensinounos un local e vimos que nos podía valer.

Puxo ese espazo á nosa disposición e comezamos a organizarnos: como repartir o espazo, como xestionar os cartos… Fixemos todo o proceso nós, con erros e con acertos. E a día de hoxe seguimos facendo todo, porque seguimos xestionando o espazo e todo o que iso significa.

Cantas persoas forman parte actualmente do espazo?

A día de hoxe somos 258 persoas que podemos utilizar o espazo, porque xa temos a habilitación destes anos, desde decembro de 2019, cando se inaugurou. Nese momento comezamos sendo 19 persoas.

Ademais, hai 20 persoas que están estes días realizando o curso obrigatorio —a única condición que nos autoimpuxemos— para poder utilizalo.

Ao rematar o mes seremos 278.

Que necesidade segue cubrindo hoxe este espazo?

A necesidade común segue sendo a mesma. Este espazo público posibilita que as persoas poidan vir desenvolver unha produción, comercializar, aproveitar os excedentes… Sempre estamos promovendo tamén espazos de venda colectiva e espazos de relación e de comunidade.

Que papel xoga o territorio na vosa maneira de traballar? Hai algo que sexa posible facer aquí precisamente por estar en Brión?

Nós cremos que isto é posible porque aquí hai unhas condicións determinadas a nivel de distribución e de reparto das terras. Aínda que o minifundio se fala moitas veces como un problema, para nós é unha vantaxe.

Todo o mundo temos terras e medios máis ou menos próximos ou propios. Iso permítelle a moitas persoas producir alimentos, transformar, vender, autoconsumir e, polo tanto, manter tamén ese tecido económico e social. Hai moitas explotacións e granxas pequenas que permiten a moita xente ter ingresos e veciñanza, e iso é moi importante.

Nós estamos na zona de Santiago, pero consideramos que é extrapolable a outros territorios de Galicia, independentemente de que nalgúns haxa máis ou menos poboación. En todas partes hai xente que ten que comer todos os días: hai colexios, residencias, veciños e veciñas, restaurantes, casas de turismo…

Estar nunha zona moi poboada é unha vantaxe, pero consideramos que é posible que toda a poboación poida alimentarse cos nosos produtos, tanto se falamos de alimentación privada como pública ou colectiva. Tamén hai que ter en conta a zona climática e as condicións meteorolóxicas, porque hai territorios con máis ou menos vantaxes.

Notades un maior interese polos produtos de proximidade?

Si, sen ningunha dúbida. O traballo social que se leva facendo desde moitas organizacións é moi importante e está aí e agora mesmo hai unha reclamación importante por parte da cidadanía.

Venda de produtos de proximidade da Asociación Daquídarredor no Mercadiño de Ames

Desde a túa experiencia, que falta para que máis persoas poidan vivir da pequena produción e transformación alimentaria?

Que coñezan as posibilidades que hai, que se xunten para demandalas e que nos empoderemos, no sentido de que sexamos nós, as persoas, quen llo reclamemos ás distintas administracións.

Reclamar o que é noso para poder vivir onde queremos vivir, no noso medio rural, coas nosas condicións e con continuidade.

Mirando cara ao futuro, que che gustaría que acontecese con Daquídarredor e con iniciativas similares?

Que houbese moitos máis proxectos similares en toda Galicia.

Non só pola instalación en si —porque xa comezan a aparecer outras e nós fomos asesorando diferentes persoas—, senón porque me gustaría que o colectivo, a asociación, a cooperativa, calquera tipo de entidade colectiva, estivese conectado, pero funcionando no territorio.

Que permitise recuperar esa idea de que podemos alimentarnos co que producimos, dar un paso máis cara á nosa soberanía alimentaria, sentirnos capaces e facelo en colectividade.

O resto son cuestións máis de tipo técnico e administrativo.

Para pechar: que lle dirías a alguén que está pensando en quedar ou volver ao rural e buscar aquí unha forma de vida?

Que se xunte cos seus veciños e veciñas.

Ás veces non están a 200 metros, están a 20 quilómetros ou a dous, porque a situación é a que é. Pero que se xunte cos seus veciños e que poña as necesidades enriba da mesa, dicindo que necesidades ten realmente.

Primeiro, coñecer a experiencia e valorar moito a de quen leva vivindo no rural toda a vida, ou parte da súa vida. Valorar, coñecer e relacionarse con esas persoas. E logo saber que hai persoas noutras zonas de Galicia que estamos cos brazos abertos, acollendo a calquera persoa ou colectivo que busque tecer redes.

A experiencia de Carme e da Asociación Daquídarredor demostra que producir e transformar alimentos no rural tamén pode ser unha forma de crear actividade, aproveitar os recursos do territorio e construír comunidade. Un proxecto que naceu dunha necesidade concreta e que hoxe segue medrando desde a colaboración.

Porque, como lembra Carme, ás veces o primeiro paso é simplemente xuntarse e poñer as necesidades enriba da mesa.

Se queres coñecer máis proxectos e persoas que están a creando oportunidades no rural galego, podes ver o resto dos nosos artigos.

Comparte!

Deixa un comentario

Entradas relacionadas

Coñecemos o GDR Ribeira Sacra-Courel, unha entidade que traballa con 13 concellos de Lugo para apoiar proxectos, manter servizos e impulsar novas oportunidades no territorio.

Ficar aquí

03/09/2026

O rural galego tamén pode ser un espazo para investigar e crear coñecemento. En As Barreiras (Castro Caldelas), o proxecto La Ricotta transformou unha antiga aldea nun lugar onde estudantes e investigadores conviven, aprenden e desenvolven actividades científicas.

Ficar aquí

13/08/2026

Coñecemos o GDR 10 Limia-Arnoia e o seu traballo para impulsar o desenvolvemento rural, o emprendemento e as oportunidades no sur de Ourense.

Ficar aquí

27/07/2026

Inscrición na oferta

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Motivación para este posto
Por favor, revisa a información dos campos obrigatorios.
Experiencia profesional
Currículum Vitae
Tamaño máximo: 5 MB
Súbeo en PDF

Solicitude de traspaso de negocio

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Motivación para o traspaso

Solicitude de relevo xeracional

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Motivación para o relevo *

Socios e colaboracións

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Queres comentar algo? *

Mensaxe á entidade

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Envíalle unha mensaxe á entidade *
Currículum Vitae *
Tamaño máximo: 5 MB
Súbeo en PDF