O portal de emprego e oportunidades do rural galego

Aparellos, unha man para manter abertos negocios no rural

Tenda de Cantarrana, na parroquia de Covas (Viveiro) que permaneceu aberta ao público grazas á intermediación de Aparellos á hora de buscar uns novos xestores do negocio

Desde o 2018, un grupo que agora mesmo integran unhas 15 persoas trata de evitar que negocios do rural pechen por falta de relevo. Baixo a marca Aparellos, iniciaron o seu camiño cunha tenda en Guitiriz e traballan poñendo en marcha unha especie de franquías naqueles negocios que consideran vitais e que poden seguir sendo totalmente viables en poboacións pequenas. En moitos casos serven de empurrón dando unha man para que os propios empregados deses negocios dean o paso de poñerse eles á fronte dos mesmos. A día de hoxe xa colaboraron en manter con vida establecementos en Moeche, Guitiriz, Viveiro ou A Rúa.

Marcos Balboa Beltrán (Samos, 1977) é o coordinador deste grupo de persoas, “que son xente moi válida que quere seguir no rural e entre todo puxemos en marcha este proxecto”, explica. O seu obxectivo está moi claro. “O que queremos é que se manteñan os servizos no rural, porque cantos máis servizos se perden, máis se baleira todo”, expón.

O proceso de busca destes negocios non é aleatorio, senón que se centran en concellos de entre 5.000 e 20.000 habitantes, aínda que o caso de Moeche demostra que están abertos a aportar solucións en lugares máis pequenos. Do mesmo xeito, apostan por establecementos cunha facturación mínima duns 250.000 euros. “Temos uns mínimos porque ao final dentro de toda a xente que se está xubilando, hai moitas persoas que digamos que teñen negocios de subsistencia. É dicir, negocios nos cales sacan o soldo dunha persoa e ás veces hai dúas persoas vivindo del. É xente que está esperando chegar á xubilación, pero non xera a facturación necesaria para pagarlle a un empregado. Por iso buscamos negocios que estean facturando polo menos uns 250.000 euros, porque o que nos din os datos é que, máis ou menos, a partir dunha facturación mensual de 15.000 euros se pode asumir a contratación dun empregado. E logo temos tendas que poden ter dúas persoas, tres ou catro en función do volume de facturación e demais”, explica Marcos Balboa.

Tenda da zona de Cantarrana, en Viveiro, que se mantivo aberta pola axuda de Aparellos á hora de buscar novos xestores

Funcionan como se foran unha especie de franquía e ao factor persoal danlle un peso fundamental. “Moitas veces tiramos da propia xente que xa estaba traballando cos propietarios que se xubilan e outras veces facemos unha especie de mix. Cada caso é diferente e hai que estudalo de xeito independente. E logo tamén buscamos negocios nos que os que os levan son boa xente, porque se é boa persoa vai atender ben aos clientes. Eses negocios van ser viables sempre. En cambio, se te metes nun con malas cualificacións, é moi difícil levantalos despois”, sinala.

Pensando na xente con discapacidade

Asemade, sempre “intentamos contratar a unha persoa en cada zona con discapacidade porque miña irmá ten unha, custoulle moito atopar traballo e a xente ten que darse conta de que ter unha discapacidade non quere dicir que non sexas válida para traballar”, recalca Marcos Balboa.

Aínda que manexan xa varias ferreterías e lugares onde se venden materiais de construción, tratan de que sexan tendas versátiles. “Estamos en ferreterías e tendas de venda de materiais de construción e electrodomésticos. Comezamos por estes últimos, pero case todas teñen un pouco de todo. No rural non podemos ser tan específicos como nunha cidade e hai que ter un pouco de todo nas tendas porque o cliente que hoxe precisa dunha lavadora, mañá vai precisar un prato de ducha e a semana seguinte outra cousa. Temos menos clientes que en sitios grandes, pero o noso obxectivo é darlles máis servizos tendo menos poboación”, comenta.

E é que unha das diferenzas da súa visión é que non buscan ser unicamente tendas de venda, senón que queren que non se perda a asistencia que dan os seus traballadores. “O problema é o servizo. Vender un electrodoméstico véndecho calquera, pero non é tan sinxelo atopar no rural que che dean o servizo de asistencia e cando xurde un problema é aí cando entramos nós. Vemos que o 80% dos problemas chegan aí. Un cliente non compra unha lavadora ou unha ducha, senón que busca lavar a roupa e ducharse. O importante non é a venda en si, senón todo o demais, cando aparece un problema e non tes un técnico cerca. Nós somos servizo técnico de diferentes empresas e hai moitos empresas clientas nosas que, incluso vendendo a través de Amazon, non teñen o mesmo circuíto de reparación e damos nós ese servizo. O que buscamos ao final é darlle un servizo de calidade á xente en zonas non que se perdeu ou estaba a piques de facelo”, valora.

Tenda da zona de Verxeles, en Viveiro. Aparellos tamén axudou a continuar a actividade en tedas de Moeche, Guitiriz e A Rúa

E iso lévaos incluso a facer en moitas ocasións de “testeadores de electrodomésticos porque fabricantes hai moitos, pero non todos dan a calidade que buscamos para os nosos clientes e nós imos probando por eles”, apunta.

E para explicar ben como funciona o que fan, pon o exemplo de Moeche. “Nós empezamos a dar algo tan sinxelo como ter a opción de comprar en Moeche lavadoras, secadoras, frigoríficos e cousas ás que a xente xa non podía acceder nesa zona. Falláballes unha batedora e case gastaban máis en ir comprala a unha cidade. Démoslles a posibilidade de seguir tendo cerca da casa estes recursos e un servizo técnico porque nos dicían que tiñan que percorrer moitos quilómetros indo a Ferrol ou Cedeira para poder conseguir eses produtos. A proximidade neste tema é moi importante e nós conseguimos as pezas que fagan falta, intermediamos para que a casa comercial lles dea unha solución e incluso facemos labores de asesoramento. Cremos que eses son servizos que ao final xeran un valor engadido”, valora.

Aínda que pareza que están especializados neste sector, están abertos a outros. “Nós escoitamos sempre. Cada semana recibimos ofertas e propostas de toda España, pero ao final temos unha capacidade limitada e temos que ir pouco a pouco. A chamada máis especial que recibimos foi de Cantabria, dunha persoa que deixaba absolutamente todo o seu negocio nas nosas mans”, indica.

A súa experiencia de oito anos sérvelles para facer unha radiografía de cales son as principais razóns polas que están pechando moitos negocios no rural que provocan que desaparezan servizos importantes para a poboación. “O que predomina é a xente que se xubila, que é moitísima e non vai deixar de medrar nos vindeiros anos. No sector dos electrodomésticos hai case un 40% de xente que se vai xubilar e hai un mercado moi amplo nese sentido. Van quedar moitos ocos sen cubrir e, de feito, xa están quedando”, asume.

Balboa considera que non é sinxela de tapar esta hemorraxia: “Hai varios problemas, non un só. Primeiro témonos que adaptar ao mundo que hai. Seguimos co mesmo sistema, pero o que funcionou nos últimos 40 ou 50 anos non vai volver e hai que adaptarse e darlle solucións máis tecnolóxicas a todo, tamén no rural. Tes que ir conseguindo ter un control das necesidades que vai tendo o cliente para conseguir darlle o servizo que precisa”, conclúe.

Este grupo de persoas unido baixa a marca Aparellos non deixa de medrar. “Únenos a mentalidade que compartimos e vaise engadindo xente conforme imos collendo máis negocios porque chamadas temos moitas cada semana”, explica. Para contactar con eles pódese visitar a páxina www.aparellos.eu ou enviar un correo a admin@aparellos.eu.

Comparte!

Deixa un comentario

Entradas relacionadas

“Moitas veces hai máis inspiración fóra da pantalla que dentro dela.” Desde Riotorto, Rocío constrúe o seu proxecto creativo, Efe Efe, combinando deseño, ilustración e unha forma de traballar conectada co territorio e coas persoas.

Ficar aquí

09/04/2026

O documental galego 360 Curvas recupera as mobilizacións veciñais da Fonsagrada nos anos 90. Falamos coa codirectora Ariadna Silva sobre o filme, a memoria, a comunidade e futuro do rural galego.

Ficar aquí

10/03/2026

Lucía Quintas, mestra do CRA A Picaraña, explícanos por que educar no rural é unha oportunidade única: grupos pequenos, natureza, aprendizaxe vivencial e unha comunidade que medra unida. Un modelo próximo e humano que impulsa ás crianzas e fortalece o territorio.

Ficar aquí

09/02/2026

Inscrición na oferta

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Motivación para este posto
Por favor, revisa a información dos campos obrigatorios.
Experiencia profesional
Currículum Vitae
Tamaño máximo: 5 MB
Súbeo en PDF

Solicitude de traspaso de negocio

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Motivación para o traspaso

Solicitude de relevo xeracional

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Motivación para o relevo *

Socios e colaboracións

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Queres comentar algo? *

Mensaxe á entidade

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Envíalle unha mensaxe á entidade *