O Parador de Monforte será escenario este sábado 8 de novembro da resolución da undécima edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra, que cada ano reparte 20.000 euros en premios entre as mellores iniciativas empresariais que concorren a un certame xa plenamente consolidado. A partir das 10 da mañá comezará a presentación dos dez proxectos finalistas no propio Parador monfortino e a entrega de premios será no transcurso dunha cea de gala que dará comezo ás 21 horas no mesmo lugar.
Este concurso dirixido a emprendedores naceu no ano 2015 impulsado pola Asociación Semente Monforte, un colectivo creado o ano antes por un grupo de amigos logo de que lles tocase a Lotería de Reis. Como entusiastas do rural e preocupados polo abandono e a despoboación que sufre nos últimos tempos, con estes premios queren colaborar na semente de novas iniciativas que axuden a medrar a Monforte e non só, senón a toda a comarca e a outras zonas de Galicia, xa que ao longo destes once foron moitos os proxectos doutros puntos da comunidade autónoma galega que foron premiados. Sen ir máis lonxe, Ficar Aquí é un bo exemplo, xa que o pasado ano, na décima edición, recibíamos con moita ledicia e agradecemento o segundo premio.
Pilar López é a presidenta de Semente Monforte e unhas das persoas que mellor coñece a evolución destes premios. “Comezamos no 2015 e tivemos concurso todos os anos, incluído o do 2020, no medio da pandemia, onde as defensas se fixeron por videoconferencia. Non contabamos chegar a once edicións porque a nosa única idea era botar unha man. De feito, a nosa primeira intención era facer algo solidario, recadar cartos para repartir entre familias necesitadas, pero falando logo coas universidades e con empresas déronnos esta idea dos proxectos empresariais e pareceunos moi boa idea”, explica.

E once anos despois, o certame segue gozando de moi boa saúde, o que o demostra os 72 proxectos que se presentaron inicialmente e os 51 que conseguiron superar o primeiro corte. “Estamos moi contentos porque é verdade que sempre pasamos a barreira dos 50 e iso quere dicir que é interesante para a xente”, considera. “Ademais, recibimos propostas de toda Galicia e tamén doutras zonas de España como Andalucía, Cataluña ou o País Vasco, xa que o concurso é de ámbito nacional”, engade.
Pilar López bota contas e destaca que nas dez primeiras edicións repartiron “189.000 euros e xuntáronse máis de 737 ideas, ás que hai que sumarlle as 51 deste ano e os 20.000 euros. En total foron 29 proxectos ganadores porque na cuarta edición só tivemos dous”, enumera.
Pero o que máis enche de orgullo á organización dos premios Semente Ribeira Sacra é que “o 70% dos proxectos ganadores continúan en activo agora mesmo e para nós é unha cifra moi importante”, asegura a presidenta do colectivo.

Novidades
A ilusión dos organizadores mantense intacta e un exemplo diso son as melloras que introducen cada ano. “Ademais, as empresas colaboradoras tiran de nós e iso anímate a seguir e a facer máis cousas”. A principal novidade deste ano é o convenio firmado coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) que permitirá que os dez proxectos finalistas reciban un plan formativo e de asesoramento financiado por esta axencia dependente da administración autónomica. “Esta formación vaise levar a cabo no primeiro semestre do 2026 e o obxectivo é tamén poñer en contacto a todos os proxectos para crear sinerxias, establecer un ámbito de intercambio de opinións e tamén unha rede de colaboración entre os distintos proxectos que axude a desenvolver o tecido empresarial do mundo rural”, salienta López.
E coa experiencia que xa acumulan, a dirixente de Semente Monforte recalca sobre todo “a variedade de temáticas que se presentaron nestes once anos, porque seguramente os que se presentan da zona da Ribeira Sacra son sobre todo do mundo agrario e alimentario, pero despois tamén temos propostas de innovación, reciclaxe, plataformas dixitais e moitos sectores”, indica.

Por último, Pilar López dálle un consello aos participantes desta edición. “A defensa do proxecto é moi importante porque unha cousa é ver o documento e outra o amor, delicadeza e entusiasmo co que os participantes defenden as súas ideas e moitas veces gánase o premio o propio sábado pola mañán. Recordo en especial a Kalekói, que venceu no segundo concurso. Cando lin aquel proxecto de elaboración de iogur natural e vin como o defenderon aqueles rapaces recentemente licenciados, a min namoráronme. Por iso todos os proxectos parten coas mesmas posibilidades. O sábado é clave”, conclúe.
Estes son os 10 finalistas desta undécima edición e os seus proxectos:
- FRANQUICIAS GOURMET GALLEGO: Abrir tendas de Gourmet Gallego por todo o territorio nacional. Co proxecto poñeranse máis de 400 referencias de produtos galegos de pequenos produtores, en toda xeografía española.
- GALEGHEEÑO, o GHEE da Ribeira Sacra: O Ghee é un superalimento ancestral con amplas propiedades organolépticas e nutricionais. Só ten 1 ingrediente, o leite de vacas alimentadas 100% a pasto.
- CASA MUSEO GENIA TRIGO: Proxecto artístico, etnográfico e de dinamización rural. Amplíase o espazo cunha cantina cultural, un espazo destinado a catas, talleres, reunións e experiencias sensoriais.
- ENSÁCRATE: Deseño, promoción e organización de viaxes de autor e experiencias a medida para visitantes que buscan unha maneira auténtica e respectuosa de coñecer a Ribeira Sacra.
- O FOGAR DOS SOÑOS. Rehabilitación dunha edificación rural como Queixaría/Xeadería artesanal e familiar de leite de cabra. Mostrar o proceso de elaboración dos produtos e ofrecer degustacións, visitas e talleres experienciais.
- ALAMBIQUEIROS DA SACRA TERRA: Destilería profesional na Ribeira Sacra para transformar o bagazo das adegas locais nun aguardente artesanal e certificada.
- RESPIRO SOSTIBLE: Transformación de residuos vexetais en papel sostible para reducir a deforestación e xerar emprego no rural.
- LA ESCUELA DEL ORIGEN: Un espazo pioneiro en Galicia de acompañamento a colectivos vulnerables para que poidan reconectar coa súa historia, adquirir ferramentas de vida, recuperar o sentido e construír un novo camiño.
- PIEL NATURA: Cosmética sólida ecolóxica e aromaterapia galega para o benestar. Liña de cosmética con extracto de castiñeiro, agora incorporan auga termal galega nos produtos.
- VIÑALERT: Desenvolvemento e implementación dun sistema de monitorización continua das constantes vitais das vides, enfocado especialmente na análise dos nutrientes do solo e da planta.