O portal de emprego e oportunidades do rural galego

360 CURVAS: a historia das mobilizacións da Fonsagrada que puxeron en pé a todo un pobo

Ariadna Silva · Codirectora de 360Curvas

As mobilizacións veciñais que sacudiron A Fonsagrada nos anos 90 volveron cobrar vida a través do documental 360 curvas, unha peza audiovisual que recupera a memoria colectiva dunha comunidade que decidiu organizarse fronte á perda de servizos. A película reconstrúe aquela historia a partir de imaxes de arquivo e de novas voces que reflexionan sobre o pasado, pero tamén sobre o presente e o futuro do rural.

Falamos con Ariadna, codirectora do filme, sobre como naceu o proxecto, que revelan hoxe aquelas protestas e que nos pode ensinar A Fonsagrada á hora de pensar o futuro dos territorios rurais.

Como nace a idea de contar a historia de 360 curvas? En que momento decides que isto merece un documental?

A idea do proxecto nace de Adrián Méndez e Manuel Lucas, sobre todo de Adrián. El é da Fonsagrada —aínda que naceu en Bilbao, a súa familia é de alí— e o seu pai estivo implicado activamente nas chamadas Movidas da Fonsagrada.

Cando se cumprían arredor de trinta anos daquelas mobilizacións, en plena pandemia, comezaron a circular entre a veciñanza moitos dos vídeos que finalmente aparecen na película. Era algo bastante interno, compartido entre veciños, tamén como unha forma de facer memoria e comunidade. Foi nese momento cando Adrián viu por primeira vez moitas desas imaxes e pensou que aquela historia merecía ser recordada e contada a través dun proxecto audiovisual.

A partir de aí contactou con Manuel Lucas. Nun primeiro momento a idea era facer unha curta, pero ao ver todo o material de arquivo dispoñible —sen contar aínda o que se podería gravar despois— decatáronse de que unha curta quedaba pequena para todo o que había que contar. Foi entón cando contactaron con Alejandro Gándara, que xa tiña experiencia no documental e posteriormente Alejandro contactou comigo, porque coñecía o meu traballo fotográfico e algunhas das curtas que fixera.

Todos compartiamos un interese común por traballar arredor da memoria e do territorio. Tamén nos sorprendeu moito a potencia visual e narrativa do arquivo, e sobre todo o feito de que algo así acontecese na Fonsagrada e non se coñecese moito máis alá da Montaña de Lugo.

Sentimos que era unha historia que había que recuperar e recoñecer, e que tamén podía servir como referencia para o rural

Para quen non coñeza o contexto, que foron exactamente As Movidas da A Fonsagrada nos anos 90? Que foi o que máis che impactou ao investigar aquel episodio?

O que máis me chamou a atención foi, sobre todo, a forma de protesta. A maneira de facer comunidade e a capacidade de mobilización nun lugar que, aparentemente, é pequeno.

Tamén hai que pensar no contexto da época: non había móbiles nin internet, e aínda así foron quen de organizar mobilizacións moi grandes. Hoxe A Fonsagrada terá arredor de 3.000 habitantes; daquela eran máis, pero conseguiron xuntar máis de 3.000 persoas para ir manifestarse diante da Xunta. É dicir, practicamente medio pobo mobilizado.

Outra cousa que me parece moi interesante é o uso do humor como ferramenta reivindicativa. Hai moita retranca nas pancartas e nas pintadas. Un exemplo é aquela frase de “Tranquilos, imos vivir do mar”. Ese xeito de reivindicar, con ironía e tamén desde un espírito festivo, é algo que me parece moi potente e que tamén axuda a facer comunidade.

Que cres que nos ensina a historia da Fonsagrada sobre como mirar o futuro desde o rural? Que significa hoxe falar dun futuro sostible para un territorio?

Na película hai unha escena na que aparecen varios rapaces e rapazas da Fonsagrada falando precisamente sobre isto. Todos son de alí, pero moitos xa non viven no lugar. Debaten sobre por que pasa iso e que sería necesario para revertelo.

Unha das conclusións é bastante clara: sen servizos básicos é moi difícil asentarse nun territorio

Agora mesmo, por exemplo, hai problemas coa retirada de médicos. Nun lugar onde a poboación está moi envellecida, quitar servizos sanitarios é algo gravísimo. Pero tamén afecta a outras cuestións, como a posibilidade de formar familias ou desenvolver un proxecto de vida.

Tamén hai que pensar nas oportunidades que ofrece cada territorio. No caso da Fonsagrada, por exemplo, falamos de agricultura e gandería, pero tamén de outras posibilidades que foron aparecendo co tempo. Unha das vitorias das mobilizacións foi o recoñecemento do Camiño Primitivo, o que abriu novas relacións co turismo e co Camiño de Santiago.

Ademais diso, hai moito potencial cultural e patrimonial: o museo etnográfico, a recuperación do entroido tradicional ou outros proxectos vinculados á cultura. Todo iso tamén pode funcionar como motor de dinamización local. Ao final, non se trata só dunha cuestión económica, senón tamén de capital humano, de identidade e de comunidade.

Aquelas protestas xurdiron pola perda de servizos. Cres que a historia se repite hoxe noutros territorios?

En parte si. Moitas das reivindicacións que motivaron aquelas mobilizacións seguen sendo actuais. A perda de servizos, a falta de infraestruturas ou a dificultade para manter unha vida digna no rural continúan sendo problemas en moitos territorios.

Por iso tamén nos parecía importante recuperar esta historia. Non só como un episodio do pasado, senón como algo que pode axudar a entender o presente e a abrir conversacións sobre o futuro do rural.

O documental fala dunha comunidade que se nega a desaparecer. Pensas que se pode recuperar ese sentimento comunitario nalgúns territorios?

Creo que si, e penso que a cultura pode xogar un papel importante nese proceso.

Algo que tratamos na película é a idea da cartografía emocional: non entender o rural simplemente como unha paisaxe ou un escenario, senón como un lugar vivo, cheo de historias, afectos e relacións entre persoas e territorio.

Ese tipo de mirada axuda a construír memoria colectiva e patrimonio común. E tamén pode favorecer que xurdan novas redes e comunidades.

Hai exemplos actuais de mobilizacións ou de iniciativas colectivas que demostran que isto segue sendo posible. Vivimos nun contexto bastante individualizado e ás veces moi crispado, pero precisamente por iso creo que é importante apostar máis polos afectos, polas relacións de proximidade e por espazos onde a xente se poida atopar.

Ti xa viñas desenvolvendo proxectos fotográficos e audiovisuais centrados no territorio. Cal é o teu vínculo persoal co rural?

O meu vínculo co rural é máis ben artístico. Na miña familia non hai relación directa coa agricultura ou a gandería, pero si que teño unha sensibilidade especial por estas cuestións porque en Galicia a realidade rural está moi presente.

Interésanme moito os temas relacionados co medio ambiente e coas ecoloxías, sempre desde unha perspectiva crítica. Por exemplo, traballei en proxectos fotográficos relacionados coa deforestación e coas plantacións de eucalipto.

Ademais, vivo nun contexto bastante próximo ao rural. Vivo na Estrada, e practicamente baixas pola rúa e xa estás nunha aldea.

Creo que non é necesario vivir no rural para ter sensibilidade por estes temas: calquera persoa pode desenvolver esa mirada, independentemente de onde viva.

Como de complexo é hoxe levantar un proxecto audiovisual coma este?

É complexo, sobre todo porque o sector audiovisual é bastante precario. Nós recibimos unha axuda da Xunta para promoción audiovisual, pero é unha axuda pequena que cubre o mínimo. Hai moito tempo e esforzo que vai pola nosa conta.

Neste caso tamén houbo moito entusiasmo e a sensación de que era unha historia que había que contar. Ao final, o retorno económico non se corresponde co tempo de traballo que leva facer unha película así. Pero tamén hai outro tipo de retorno.

Agora, nas proxeccións, cando a xente se emociona vendo a película ou che dá as grazas por tela feito, iso tamén é moi significativo. Aínda así, tampouco quero romantizar isto: facer cinema ou arte segue sendo unha actividade moi precaria, igual que moitas veces o é a vida no rural.

Que cres que temos xa —exemplos, iniciativas, talento— e que nos falta para consolidar proxectos de vida no territorio?

Creo que hai moitas iniciativas interesantes, pero quizais falta fortalecer máis as redes e facer máis comunidade. Tamén penso na importancia de crear proxectos interdisciplinares, especialmente no ámbito cultural.

Hai exemplos moi interesantes en Galicia. Penso, por exemplo, en iniciativas como o festival Agrocuir da Ulloa ou noutros proxectos que combinan cultura, arte, gastronomía e saberes populares.

Tamén hai proxectos máis pequenos, como iniciativas artesanais ou culturais que organizan feiras, concertos ou encontros. Son espazos onde se xuntan persoas, onde se comparten coñecementos e onde se crean sinerxias.

Iso tamén é desenvolvemento local. Pero, ao mesmo tempo, tamén é importante que exista apoio institucional. Non todo pode depender só da iniciativa das persoas.

Se alguén novo está pensando en quedar ou volver ao rural, que lle dirías despois de facer este documental?

É difícil dar unha resposta única, porque cada territorio é diferente. Non é o mesmo falar do rural na montaña de Lugo que nunha zona máis próxima á costa ou ás cidades.

Tamén depende moito a que te dediques. Hoxe hai xente que vive no rural pero teletraballa para empresas doutras cidades, e iso é unha opción perfectamente válida. Pero tamén hai que pensar na relación que queres ter co territorio.

No meu caso, por exemplo, vivín tres anos en Madrid e tiven a oportunidade de quedar alí, pero decidín volver á Estrada. Foi unha decisión bastante consciente. Agora mesmo tamén hai moita xente da nosa xeración que está volvendo, en parte pola calidade de vida e tamén porque as cidades se están volvendo moi caras.

Gustaríame preguntarche pola túa mirada: ves no rural un lugar de futuro?

Eu creo que si. O rural ten moitas posibilidades, sobre todo en termos de calidade de vida. Pero é importante pensalo desde unha visión global.

Tamén hai que ter en conta que cada territorio é distinto e que non se poden aplicar as mesmas solucións en todos os sitios. En todo caso, penso que o futuro do rural pasa pola diversidade.

Non se pode pensar só como un espazo de explotación forestal ou produtiva. A diversidade económica, cultural e social é o que realmente xera riqueza e comunidade. E tamén é o que constrúe identidade e sentimento de pertenza.

En que punto está agora o documental? Onde se pode ver?

Agora mesmo o documental está en salas de cine, algo que para un proxecto así xa é un logro moi grande. Estreouse no Festival de Gijón en novembro do ano pasado, despois pasou por Cineuropa e tamén fixemos unha preestrea na propia Fonsagrada en xaneiro.

Desde entón estivemos facendo proxeccións en diferentes cidades como A Coruña, Santiago, Lugo, Monforte ou A Estrada, entre outras. Nas próximas semanas tamén haberá pases en distintos lugares de Galicia.

Ademais, o documental está entre os finalistas dos Premios Mestre Mateo, así que seguimos movéndoo por festivais e proxeccións. No perfil de Instagram do proxecto imos anunciando todas as datas.

Xa para rematar, se tiveses que quedar cunha frase que resuma o espírito do documental, cal sería?

“Na Fonsagrada vendidos, pero non vencidos.”

Fotografía da preestrea do filme na Fonsagrada

👉 Historias como a da Fonsagrada lembran que o rural tamén se constrúe a través da memoria e da comunidade. Se tes ou coñeces proxectos/iniciativas que están facendo territorio, en Ficar Aquí queremos darlle voz.

Comparte!

Deixa un comentario

Entradas relacionadas

“Moitas veces hai máis inspiración fóra da pantalla que dentro dela.” Desde Riotorto, Rocío constrúe o seu proxecto creativo, Efe Efe, combinando deseño, ilustración e unha forma de traballar conectada co territorio e coas persoas.

Ficar aquí

09/04/2026

Aparellos está integrado por un grupo de persoas que queren que o rural siga tendo vida e para iso traballan en que negocios a piques de pechar atopen relevo para poder seguir en funcionamento. Xa teñen presenza en tres provincias galegas, dado que contan con tendas en Moeche, Viveiro, Guitiriz e a Rúa

Ficar aquí

01/04/2026

Lucía Quintas, mestra do CRA A Picaraña, explícanos por que educar no rural é unha oportunidade única: grupos pequenos, natureza, aprendizaxe vivencial e unha comunidade que medra unida. Un modelo próximo e humano que impulsa ás crianzas e fortalece o territorio.

Ficar aquí

09/02/2026

Inscrición na oferta

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Motivación para este posto
Por favor, revisa a información dos campos obrigatorios.
Experiencia profesional
Currículum Vitae
Tamaño máximo: 5 MB
Súbeo en PDF

Solicitude de traspaso de negocio

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Motivación para o traspaso

Solicitude de relevo xeracional

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Motivación para o relevo *

Socios e colaboracións

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Queres comentar algo? *

Mensaxe á entidade

Nome *
Apelidos *
Email de contacto *
Teléfono
Envíalle unha mensaxe á entidade *