Existen motivos para apostar polo rural. O rural ten futuro? Si, por suposto. Depende de nós. Pero o rural non é unha postal dun lugar bonito e tranquilo á que podemos mudarnos. Podemos recoller tantas razóns para ficar aquí, como para non facelo. Problemas que cómpre mirar de fronte. Problemas que teñen máis ou menos importancia dependendo do lugar porque, loxicamente, cómpre afastarse dunha idea simple e única do rural. Cada territorio conta con recursos e tamén con necesidades diferentes
Ficar aquí, pero acompañadas
A primeira dificultade que se encontra unha persoa que decide mudarse ou quedar na aldea, pode ser a soidade. E non é un problema menor. Tomar a decisión soas ou acompañadas, afacerse a un ritmo de vida diferente e a aproveitar o tempo libre doutra maneira. A solución está en descubrir e valorar unha das grandes virtudes do rural vixente en moitos lugares: a comunidade.
Na busca de veciñas…, e compañeiras de traballo
Non hai futuro para o rural sen empresas e profesionais que decidan ficar aquí. E non hai empresa ou profesional independente que non precisen traballadores e traballadoras ou persoas coas que colaborar para desenvolver o seu proxecto. “Non hai xente”, pero hai un camiño que se pode percorrer. Cómpre conectar as empresas que buscan persoas coas persoas que queren vivir e traballar no rural. Cómpre saltar os muros da postal á que nos mudamos e atopar espazos de convivencia con outros profesionais. Nin somos os máis listos da aldea nin o futuro do rural se sostén con dúas mans.
Menos ofertas de traballo
É obvio que se nos poñemos a contar, hai menos ofertas de traballo no rural que nas cidades. Hai menos empresas e de menos traballadores e traballadoras. Pero, non hai oportunidades de emprego no rural ou é que estas non teñen suficiente visibilidade?
Desconexión si, pero non tanta
A aldea é unha contorna perfecta para descansar e “desconectar”. Tamén debería selo para traballar e facelo conectados con calquera parte do mundo. É certo que existen moitos territorios rurais que contan cunha boa conexión á Rede. Pero tamén o é que aínda quedan outros moitos, demasiados, nos que a calidade da conexión e o estado das infraestruturas de telecomunicacións ameazan a viabilidade das empresas. Antes de mudarse é necesario comprobar cantas raias de cobertura temos.
Sen servizos básicos, imposible
Unha imaxe icónica do rural é a do “coche do peixe”, a da panadeira ou o camión do butano que reparten porta a porta. Que chega un día que che avisan de que non van volver porque non resulta rendible. Síntomas dunha realidade, a do rural que se apaga, que se percibe máis claramente cando pecha a escola máis cercana ou cando quedamos sen pediatra ou servizo de atención primaria; si, é certo, a situación na cidade non é moito mellor.
Vivir no rural si, pero onde?
A vivenda é argumento a favor e en contra de ficar aquí. Por que? Vivir no rural é máis barato, pero cada vez é máis difícil acceder a vivendas en aluguer. Hai moitas casas e pisos dispoñibles que resultan máis rendibles como vivenda turística. Se nos atrevemos a mercar, as opcións máis accesibles economicamente son casas que, en moitos casos, levan anos pechadas e requiren unha profunda e custosa reforma.

Quen se atreve a emprender no sector agrogandeiro?
Os territorios rurais son aptos para emprender case calquera tipo de negocio. Pero non podemos excluír o sector agrogandeiro do futuro do rural porque está directamente relacionado co aproveitamento dos nosos recursos, coa conservación do patrimonio natural e porque é unha das ferramentas máis importantes coas que contamos na loita contra os lumes. A pregunta é: canto custa poñer en marcha un proxecto de horta ecolóxica ou contar cun rabaño de cabras para producir queixo? Estamos concienciadas sobre a necesidade de que existan este tipo de actividades nas aldeas? Canto tempo precisan para ser rendibles? O apoio que reciben por parte das Administracións e entidades financeiras é suficente?
Saltar montañas…, de papeis.
Que levante a man quen tomou a decisión de marchar vivir ao rural ou de emprender algún negocio e atopou atrancos administrativos. Canto tempo investimos en trámites, obtención de permisos ou en xestionar unha axuda pública? O camiño da burocracia é demasiado longo e revirado.
Oferta cultural…, e urbana
A escasa oferta cultural e de ocio é unha realidade en moitos lugares do rural galego. A maior parte da produción cultural (exposicións, obras de teatro, roteiros culturais, etc.) está pensada e creada para as cidades ou vilas con máis poboación. E a cultura e o ocio son outra necesidade fundamental da poboación, urbana e rural. Con todo, cómpre poñer en valor o traballo de moitas asociacións culturais do rural galego que realizan un traballo impagable de posta en valor do seu patrimonio, de reforzo do vínculo das veciñas e veciños cos seus lugares.
Cambio social…, e climático
A pandemia, a situación da vivenda nas cidades, o teletraballo, entre outros factores, parecen impulsar, pouco a pouco, un cambio que leva a moitas persoas a cambiar a cidade pola aldea. Cambio social que se conxuga con outro climático. Antes falabamos de atreverse a emprender no sector agrogandeiro polo custe e o tempo necesario para rendibilizar un proxecto. Pero como lles afecta o cambio climático? Como afrontan, por exemplo, a escaseza de auga en moitos lugares no verán? Os lumes son o principal expoñente deste problema. Lumes que afectan a estes proxectos e que ameazan a seguridade das vivendas en moitas aldeas.