Baixo a aparencia de calma e tranquilidade que os tópicos lle atribúen ao mundo rural, ao contrario do que moitos pensan, o territorio rural non está illado. O emprego das novas tecnoloxías, a globalización, o neoliberalismo, a desigualdade, o quecemento global, a saúde mental da poboación ou a perda da biodiversidade son só algúns dos desafíos globais que tamén afronta o noso territorio e que están transformando os nosos modos de vida.
Non hai un único modo de habitar o rural, como tampouco hai un único modo de habitar unha cidade. Sen ser expertas no tema, cada vez parece máis difícil diferenciar entre estilos de vida do rural e da cidade, pois parece que moitos deles conflúen: longas xornadas laborais, desprazamentos en coche, interminables listas de tarefas, dependencia das redes sociais, mercar en Amazon ou INDITEX, cear unha pizza precociñada… este pode ser o día a día dunha muller que vive no centro de Barcelona ou dunha que habita nun lugar pequeno dos Ancares. Pero aquí quixemos poñer sobre a mesa 10 razóns polas que merece a pena que te quedes no rural galego (ou te mudes a vivir aquí se aínda non o fixeches).
Descargo de responsabilidade: Neste artigo facemos apoloxía do rural, enaltecemos a vida nos pequenos lugares de Galicia e reivindicamos un modo de vivir e habitar no rural galego do século XXI.

Comunidade e pertenza
A vida nas pequenas aldeas aínda conserva un espírito de comunidade, un sentido de pertenza, unha rede de apoio e de vínculos entre as persoas que as habitamos. Saudámonos sempre e non nos incomoda cando nos preguntan para onde imos ou de onde vimos. Tamén estamos aí cando algo vai mal, axudando e coidando.
Nivel de vida
Por norma xeral, a vida é máis barata no rural. O feito de ter que desprazarse para mercar, ou non ter tantos estímulos orientados ao consumo, fai que sexa máis fácil controlar os gastos e mesmo aforrar. O noso estilo de vida é máis slow, os horarios van máis parellos á luz solar e resulta máis fácil poñer freo ao ruído e á vida acelerada.
O prezo da vivenda
A experiencia de buscar un sitio para facer o teu fogar nunha cidade é desoladora. A maioría dos anuncios que se atopan nos portais inmobiliarios, dan arrepíos. Prezos altos, espazos moi reducidos, falta de condicións de habitabilidade… No rural, hai vivendas esperando para converterse en fogares. O único é que aquí non vas poder tirar de portais inmobiliarios; as mellores ofertas atópanse pateando o territorio e preguntando á túa futura veciñanza.
A crianza dos nenos e nenas no rural
Aquí temos que facer unha mención especial á educación pública e gratuíta nos coles do rural, nas casas niño ou nas escolas infantís. Nos lugares máis pequenos, onde están desexando incorporar nenos e nenas para evitar pechar escolas públicas, os proxectos educativos e o día a día do alumnado non ten nada que envexar ás modernas escolas “en contacto coa natureza” que son tan caras e están tan de moda. Ademais diso, a liberdade, a dispoñibilidade de espazo para habitar e para correr, as relacións coa comunidade ou o contacto coa natureza, son sen dúbida aspectos importantes para que as familias aposten por vivir aquí.
Ocio e actividades
No rural, as opción de ocio non pasan sempre por ter que pagar para facer calquera cousa. En practicamente todos os concellos hai asociacións que organizan actividades deportivas, musicais, culturais, cursos de formación… Non, non podemos competir ca cantidade de ocio e actividades que ofrecen as cidades, pero os ritmos de vida igual tampouco permiten desfrutar de todas estas posibilidades. Para ir tres veces ao ano ao teatro ou a concertos, ben podes desprazarte.
Por outra parte, no rural tes que estar aberta a desfrutar de actividades que non son tan mainstream, desde aquí convidámoste a indagar nesa cultura alternativa e deixarte sorprender polos ciclos de cinema, mostras de teatro, formacións, certames de poesía, polavilas, feiras, foliadas, obradoiros, concertos en tabernas, festivais… que se celebran no noso rural.

A natureza
Está claro que pasar tempo en espazos naturais é unha fonte de saúde física e mental, aínda que non o saibamos aproveitar todo o que deberíamos.
Cambio climático e a dispoñibilidade de auga.
Pode que deixemos de escoitar afirmacións como “as propiedades do rural non valen nada” ou “ninguén dá un peso polas fincas rústicas”. Continuamente estamos a ver como cidadáns doutras partes de Europa están mercando vivendas en diferentes puntos de Galicia, “refuxio climático” nos chaman… Tamén comezamos a ver como as nosas terras de cultivo empezan a estar no punto de mira dos inversores. Igual chegou o momento de cambiar a mirada e aprender a valorar o que temos.
Sostibilidade
Habitar o rural é unha oportunidade para levar un estilo de vida máis sostible. Para iniciarse nisto, podemos aprender dos modos de vida tradicionais e evitar dar leccións ás nosas veciñas sobre zero waste ou sobre cultivar alimentos de calidade. Elas non o viron en Instagram, pero levan vivindo na natureza e dos recursos que fornece a natureza, durante xeracións. Quen, se non a poboación rural, conservou a biodiversidade e os espazos naturais ata a actualidade?

Oportunidades para emprender e crear
Aquí hai moito por facer e moito espazo onde facelo. Actividades culturais, industriais, comerciais, tecnolóxicas, turísticas, educativas, forestais, agrogandeiras… as posibilidades son infinitas e temos recursos e apoios para facelo.
Hai vida no rural
Vivimos un momento de efervescencia, no que o noso territorio está cheo de iniciativas e actividades interesantes. Nós, a través de ‘Ficar Aquí’, imos demostralo.
En Ficar Aquí, queremos amosar o heteroxéneo que é o noso territorio, as diferentes visións do rural, os distintos modos de habitalo e algunhas das moitas posibilidades que ofrece para desenvolver un proxecto de vida nel.
O único que temos claro é que as nosas aldeas e vilas necesitan desesperadamente persoas que continúen apostando por ‘ficar aquí’ e por ‘facer rural desde o rural’. Con este primeiro artigo, estreamos o noso proxecto e sumamos un apoio máis nesta loita.
A ti, que chegaches lendo ata o final, pedímosche que se compartes algunha das nosas inquedanzas, nos sigas a pista nas redes sociais e compartas esta iniciativa!